Entrevista a Ramón Nicolás en Faro de Vigo:
“O levantamento militar do 1936 supuxo para Celso Emilio Ferreiro o paso á escuridade. Durante os tres días seguintes ó estoupido, o poeta de Celanova andou fuxido, acubillándose na casa duns familiares en Ramirás. Tras esas xornadas, optou por regresar á casa de Celanova onde lle agardaba unha decisión sen volta atrás, alistarse no bando franquista.
Este fragmento da historia de Ferreiro inclúese na biografía que o profesor vigués Ramón Nicolás publica para Xerais baixo o título Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro e que se presentou recentemente en Compostela.
“Os seus dous irmáns máis vellos obrigárano a alistarse no bando franquista para salvarse. Chamábame a atención que Celso Emilio liderara as Mocidades Galeguistas de Celanova no 36 e que se alistase cos franquistas”, sinalaba onte Ramón Nicolás. O destino bélico do poeta foi Asturias durante tres anos. Foi nesa época na que coñecería a súa futura muller, Moraima. “Aí comezou o noivado. Despois da Guerra, el vai vivir para Pontevedra e casa con ela”, sinalou o biógrafo. Dese tempo, gárdanse uns versos inéditos, Poemas da Guerra, en castelán. Trátase, explicou Ramón Nicolás de “composicións amorosas adicadas a Moraima pero nos que tamén trata a súa situación persoal de desazón”.
A guerra, pero na nova volta a de carácter silencioso e clandestino, voltaría á vida do poeta no 1963 cando cofunda xunto a outros persoeiros -como Xosé Luís Méndez Ferrín– a Unión do Povo Galego (UPG), de carácter nacionalista. “Celso Emilio estivo en actividades clandestinas ata 1966. Fórono cercando. El traballaba en seguros sociais e era procurador e había presións para que non traballasen con el. Por iso, para sobrevivir, marchou para Caracas coa idea de estar un mes inda que despois foron sete anos”, lembrou Nicolás.
De Caracas, marcharía con dor expulsado da Hermandad Gallega -institución que o chamara para traballar alí- polo seu libro Viaxe ao páis dos ananos, no que criticaba a unha parte da emigración galega que pensaba máis en supera-la miseria e enche-lo peto que en defender o ideal de nación galega, o que molestou ós asociados do ente venezolano.”