Convocado o IV Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura 2013

“En memoria de Rosalía de Castro, coa fin de recoñecer a promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico de forma desinteresada, a Deputación Provincial da Coruña convoca a IV edición do premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura de acordo coas seguintes bases:

BASES

Primeira. Obxectivos
A convocatoria do Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura está destinada a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias, de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico e cultural, ben no ámbito da provincia, autonómico, exterior ou global, que apostan decididamente de forma desinteresada ou cun apoio pouco significante.
Manter viva a memoria de Rosalía de Castro.
Segunda. Destinatarios
Calquera persoa individualmente, colectivo, asociación ou entidade asentada en Galicia, coa súa residencia ou sede social no territorio da comunidade autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.
Terceira. Méritos que se valoran
Para conceder os premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:
– Tarefa continuada desenvolvida en favor da promoción da lingua e cultura galegas.
– Actuacións concretas en favor da dignificación social da lingua e cultura galegas.
– Uso habitual e digno do galego nas súas actividades e nos seus servizos.
– Campañas de información e/ou publicitarias en galego.
– Contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.
O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas, colectivos ou entidades que se propoñan.
Cuarta. Premio
O premio concederáselle á persoa, colectivo, asociación ou entidade de ámbito galego en xeral e na provincia da Coruña en particular, que destaque pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que saliente por actividades que impliquen o espallamento da lingua e cultura galegas no ano en curso.
O Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura 2013 é único e indivisible e está dotado coa cantidade de 4.500 €, estando incluídos nesta cantidade os impostos que lle sexan aplicables.
Quinta. Prazo
O prazo de presentación das candidaturas comezará o día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 30 de abril.
A proposta de candidaturas será libre e non se poderá autocandidatar.
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, tomando como modelo o que figura como anexo a estas bases. Indicarase no sobre IV Premio “Rosalía de Castro” de Lingua e Cultura 2013, ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dicoruna.es
O xurado poderá propor candidaturas no transcurso da súa reunión.
Sexta. Xurado
O xurado estará presidido polo presidente da Deputación ou persoa na que delegue, e formarán parte del: a deputada presidenta da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, e catro persoas de recoñecido prestixio no ámbito da lingua e cultura galegas, nomeadas polo presidente da Deputación. Actuará como secretario con voz e sen voto o da Deputación ou o funcionario no que delegue.
A composición do xurado farase pública, con anterioridade á súa reunión, no BOP e no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.O xurado reunirase en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O xurado poderá declarar deserto o premio. A súa decisión terá lugar no segundo trimestre do ano, darase a coñecer no taboleiro de anuncios, na páxina web da Deputación, e a través dos medios de comunicación. O xurado queda facultado para interpretar estas bases.
Sétima. Candidaturas non seleccionadas
Poderanas recoller ata 30 días despois da concesión do premio por algunha das persoas que formalmente presentaron a proposta, no Servizo de Fomento-Unidade Técnica de Normalización Lingüística.
Pasado este tempo entenderase que renuncian á súa propiedade.
Oitava
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 15 de febreiro de 2013.”