Desde o blogue de Mercedes Queixas:
“Intervención lida, en representación da AELG, o 28 de febreiro no Instituto Cervantes de Dublín no acto de presentación do volume Forked Tongues. Galician, Basque and Catalan Women´s Poetry in Translations by Irish Writers, baixo o coidado da edición de Manuela Palacios:
É o galego a miña lingua de comunicación habitual e a lingua literaria de escrita poética que hoxe nos convoca e acolle neste marco cultural que vén confirmar que as barreiras lingüísticas per se non existen.
Desde logo estas non existen nunca por principio para as linguas hexemónicas. Tal vez deberiamos ser máis cautas ao afirmar isto de maneira tan categórica para as linguas minorizadas, infravaloradas como a miña, o galego, ao igual que o catalán e o éuscaro, que tamén hoxe aquí nos acompañan, dentro do propio Estado español, por definición constitucional plurilingüe e pluricultural, ao que pertencen.
O galego é unha lingua en proceso de normalización, isto é, unha lingua cuxos falantes aínda non teñen asegurada a posibilidade de vivir plenamente nela na súa vida cotiá, malia estar recoñecidos por lei todos os seus dereitos desde a recuperación da democracia, a aprobación da Constitución española en 1978 e o Estatuto de Autonomía en 1981.
Con todo, fronte ás ópticas reducionistas e simplificadoras que tanto agroman por parte dalgúns defensores da unidade mimética e o corsé homoxéneo uniformizador, estamos aquelas persoas que, desde o cultivo do coñecemento, a superación da ignorancia e a valoración do que nos é propio, nos empeñamos en mostrar orgullosas os nosos sinais de identidade, aqueles que nos fan diferentes e singulares dentro da biodiversidade lingüística e cultural.
Precisamente é no ámbito da creación literaria onde o grao de normalización lingüística alcanzado, no noso país, ten sido practicamente completo. Os nosos escritores e escritoras conseguiron, desde a convición e o compromiso íntegro e integrador, converter o galego na lingua habitual de escrita e lectura de todos os xéneros literarios, para todos os públicos, sen excepción, sendo o seu prestixio e recoñecemento de vital importancia (auto)estimuladora, dentro e fóra do noso país.
Porque o puzzle da globalidade non se comprende, en toda a súa dimensión, se non é desde unha perspectiva de sumas integradoras de esencias diferentes e con personalidade propia complementaria. Sumar sempre, restar nunca; multiplicar, si, dividir non.
Ten sido esta vontade común, colaborativa e participativa a que nos conduciu até aquí e neste camiño de tránsito común a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Manuela Palacios debe calificarse como a guía imprescindíbel, a nosa luz. Grazas a ela, sempre acompañadas da súa man abertamente interlocutora, os versos de Pilar Pallarés, Chus Pato, Lupe Gómez, María do Cebreiro e Yolanda Castaño cruzaron os nosos marcos fronteirizos político-administrativos para servos entregados como palabras-agasallo na súa sonoridade de sentimento e nacencia en convivio de irmandade coa vosa senlleira expresión.
Estas cinco escritoras galegas, poetas en esencia, de cuxa traxectoria tanto nos orgullamos, representan cinco mundos líricos persoais que se abren como a rosa de cen follas do noso poeta Ramón Cabanillas para o lectorado contemporáneo; cinco voces que revisitan corpus temáticos tradicionais e amplifican novas experiencias transgresoras para sempre enriqueceren as tonalidades dos versos que cada tempo precisa e merece; cinco expresións femininas que amplían o arco da vella do noso sentir e pensar colectivo, do noso persoal aquí e agora, como herdeiras dun legado literario culto impreso, desde un marcado carácter multicultural, que iniciaron os trobadores galego-portugueses no medievo, a finais do século XII, ininterrumpidamente, a pesar de avatares políticos esóxenos que en diferentes capítulos da nosa historia interna apostaron por invisibilizalo até case facelo desaparecer.
Esta compilación antolóxica biblingüe -galego/inglés- de versos e poemas recollidos baixo o significativo título Forked Tongues, editados orixinariamente en galego entre 1995 e 2010, son un presente que a cidadanía galega amante das letras recoñece, valora e admira. No entanto, somos ben conscientes de que elas, en moitas ocasións, herdeiras da nosa poeta nacional Rosalía de Castro, tamén como ela se senten estranxeiras na súa propia patria, porque a temida invisibilidade do seu traballo, compromiso e esforzo creativo da escrita con mirada de muller desde unha lingua propia, oficial, minoritaria e minorizada sempre asexa e respira ameazadora.
É por esta razón que me orgulla profundamente acompañarvos neste acto, en representación da AELG, para quen sempre será compromiso firme actuar como ponte cómplice en proxectos de internacionalización que coloquen a literatura vivida e expresada en galego, co protagonismo que se merece, no escenario literario global.
Moitas grazas a todas as persoas que, desde unha actitude comprometidamente solidaria e xenerosa teñen contribuído a que o que un día foi un proxecto ilusionante e intanxíbel puidese converterse nunha feliz concreción.
Grazas a estas cinco poetas-compañeiras pola súa enriquecedora expresión lírica; grazas ás tradutoras por este camiño de retroalimentación entre versos que cabalgan linguas; grazas ás poetas de Euskadi e Cataluña por acompañarnos neste ronsel de irmandade; grazas á profesora Manuela Palacios polo seu traballo firme e incansábel e por entender que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega representa a amical casa común aberta sempre ao (re)encontro; grazas á editorial Shearsman Books por valorar e acreditar neste proxecto de intercomunicación literaria e humana; grazas, finalmente, ao Instituto Cervantes de Dublín por actuar de encrucillada de camiños, como os nosos valiosísimos cruceiros de pedra de cantería, onde todo este proxecto colaborativo hoxe cobra vida auténtica.”