Dossier de prensa sobre a presentación de Forked Tongues, coa presenza de Mercedes Queixas, en nome da AELG

O pasado xoves 28 de febreiro tivo lugar, no Café Literario do Instituto Cervantes (Lincoln House, Lincoln, Place, 2) de Dublín, Irlanda, a presentación de Forked Tongues, editado por Manuela Palacios, libro que recolle as traducións de poetas galegas, éuscaras e catalás ao inglés por poetas anglófonas. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega foi unha das entidades colaboradoras desta actividade, participando na mesma, na súa representación, Mercedes Queixas.
Posteriormente o Instituto Cervantes de Dublín, organizador do acto, elaborou este dossier de prensa, que pode ser descargado aquí: Dossier de prensa sobre Forked Tongues 28-02-2013.

Mercedes Queixas: Saúda e benvida para Forked Tongues

Desde o blogue de Mercedes Queixas:
“Intervención lida, en representación da AELG, o 28 de febreiro no Instituto Cervantes de Dublín no acto de presentación do volume Forked Tongues. Galician, Basque and Catalan Women´s Poetry in Translations by Irish Writers, baixo o coidado da edición de Manuela Palacios:

É o galego a miña lingua de comunicación habitual e a lingua literaria de escrita poética que hoxe nos convoca e acolle neste marco cultural que vén confirmar que as barreiras lingüísticas per se non existen.
Desde logo estas non existen nunca por principio para as linguas hexemónicas. Tal vez deberiamos ser máis cautas ao afirmar isto de maneira tan categórica para as linguas minorizadas, infravaloradas como a miña, o galego, ao igual que o catalán e o éuscaro, que tamén hoxe aquí nos acompañan, dentro do propio Estado español, por definición constitucional plurilingüe e pluricultural, ao que pertencen.
O galego é unha lingua en proceso de normalización, isto é, unha lingua cuxos falantes aínda non teñen asegurada a posibilidade de vivir plenamente nela na súa vida cotiá, malia estar recoñecidos por lei todos os seus dereitos desde a recuperación da democracia, a aprobación da Constitución española en 1978 e o Estatuto de Autonomía en 1981.
Con todo, fronte ás ópticas reducionistas e simplificadoras que tanto agroman por parte dalgúns defensores da unidade mimética e o corsé homoxéneo uniformizador, estamos aquelas persoas que, desde o cultivo do coñecemento, a superación da ignorancia e a valoración do que nos é propio, nos empeñamos en mostrar orgullosas os nosos sinais de identidade, aqueles que nos fan diferentes e singulares dentro da biodiversidade lingüística e cultural.
Precisamente é no ámbito da creación literaria onde o grao de normalización lingüística alcanzado, no noso país, ten sido practicamente completo. Os nosos escritores e escritoras conseguiron, desde a convición e o compromiso íntegro e integrador, converter o galego na lingua habitual de escrita e lectura de todos os xéneros literarios, para todos os públicos, sen excepción, sendo o seu prestixio e recoñecemento de vital importancia (auto)estimuladora, dentro e fóra do noso país.
Porque o puzzle da globalidade non se comprende, en toda a súa dimensión, se non é desde unha perspectiva de sumas integradoras de esencias diferentes e con personalidade propia complementaria. Sumar sempre, restar nunca; multiplicar, si, dividir non.
Ten sido esta vontade común, colaborativa e participativa a que nos conduciu até aquí e neste camiño de tránsito común a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Manuela Palacios debe calificarse como a guía imprescindíbel, a nosa luz. Grazas a ela, sempre acompañadas da súa man abertamente interlocutora, os versos de Pilar Pallarés, Chus Pato, Lupe Gómez, María do Cebreiro e Yolanda Castaño cruzaron os nosos marcos fronteirizos político-administrativos para servos entregados como palabras-agasallo na súa sonoridade de sentimento e nacencia en convivio de irmandade coa vosa senlleira expresión.
Estas cinco escritoras galegas, poetas en esencia, de cuxa traxectoria tanto nos orgullamos, representan cinco mundos líricos persoais que se abren como a rosa de cen follas do noso poeta Ramón Cabanillas para o lectorado contemporáneo; cinco voces que revisitan corpus temáticos tradicionais e amplifican novas experiencias transgresoras para sempre enriqueceren as tonalidades dos versos que cada tempo precisa e merece; cinco expresións femininas que amplían o arco da vella do noso sentir e pensar colectivo, do noso persoal aquí e agora, como herdeiras dun legado literario culto impreso, desde un marcado carácter multicultural, que iniciaron os trobadores galego-portugueses no medievo, a finais do século XII, ininterrumpidamente, a pesar de avatares políticos esóxenos que en diferentes capítulos da nosa historia interna apostaron por invisibilizalo até case facelo desaparecer.
Esta compilación antolóxica biblingüe -galego/inglés- de versos e poemas recollidos baixo o significativo título Forked Tongues, editados orixinariamente en galego entre 1995 e 2010, son un presente que a cidadanía galega amante das letras recoñece, valora e admira. No entanto, somos ben conscientes de que elas, en moitas ocasións, herdeiras da nosa poeta nacional Rosalía de Castro, tamén como ela se senten estranxeiras na súa propia patria, porque a temida invisibilidade do seu traballo, compromiso e esforzo creativo da escrita con mirada de muller desde unha lingua propia, oficial, minoritaria e minorizada sempre asexa e respira ameazadora.
É por esta razón que me orgulla profundamente acompañarvos neste acto, en representación da AELG, para quen sempre será compromiso firme actuar como ponte cómplice en proxectos de internacionalización que coloquen a literatura vivida e expresada en galego, co protagonismo que se merece, no escenario literario global.
Moitas grazas a todas as persoas que, desde unha actitude comprometidamente solidaria e xenerosa teñen contribuído a que o que un día foi un proxecto ilusionante e intanxíbel puidese converterse nunha feliz concreción.
Grazas a estas cinco poetas-compañeiras pola súa enriquecedora expresión lírica; grazas ás tradutoras por este camiño de retroalimentación entre versos que cabalgan linguas; grazas ás poetas de Euskadi e Cataluña por acompañarnos neste ronsel de irmandade; grazas á profesora Manuela Palacios polo seu traballo firme e incansábel e por entender que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega representa a amical casa común aberta sempre ao (re)encontro; grazas á editorial Shearsman Books por valorar e acreditar neste proxecto de intercomunicación literaria e humana; grazas, finalmente, ao Instituto Cervantes de Dublín por actuar de encrucillada de camiños, como os nosos valiosísimos cruceiros de pedra de cantería, onde todo este proxecto colaborativo hoxe cobra vida auténtica.”

Santiago: Encontro Festlatino 2012. As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional

O Consello da Cultura Galega ten como encomenda estatutaria a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Nos últimos anos véñense desenvolvendo encontros e convenios con distintas institucións públicas e entidades culturais con vistas a contribuír ao diálogo da cultura galega con outras culturas e á súa proxección no exterior. Nesta liña de traballo o Consello da Cultura Galega organiza en colaboración co Movimento Festlatino o seminario As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional que terá lugar o martes, 3 de abril de 2012, na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Nel participarán representantes de institucións das distintas culturas da península ibérica vinculadas á súa proxección exterior e á promoción do diálogo intercultural (Institut Ramón Llull, Instituto Camões, Instituto Cervantes, o propio Festlatino), xunto a persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e universitario galego. O encontro está coordinado por Henrique Monteagudo (Consello da Cultura Galega) e Humberto França (Movimento Festlatino).
O Festlatino é nun movemento cultural, literario e educacional que ten como obxectivo fomentar o diálogo cultural entre os países e zonas de linguas e culturas neolatinas de Europa, África, Américas e Asia. Anualmente celebra un congreso no Recife e seminarios preparatorios en varios países de linguas neolatinas que reúnen persoas relevantes do ámbito da escrita, filoloxía, profesorado, arte, estudantado, diplomacia, xornalismo, xestión e liderado cultural e político e promoción cultural. O Movimento Festlatino ten como presidente de honra ao Dr. Mário Soares, ex-Presidente da República Portuguesa, e está dirixido por un consello formado por vinte e seis personalidades do mundo da cultura e linguas de doce países. O seu coordinador xeral é Humberto França.

Para asistir é preciso confirmar asistencia previamente no correo electrónico difusion@consellodacultura.org. O programa do Encontro é o seguinte:
09:30 h. Inauguración.
10:00 h. O Instituto Camões e a proxección internacional da cultura e a língua portuguesa, por Ana Paula Laborinho, Instituto Camões.
11:00 h. El Instituto Cervantes y su proyección americana, por Francisco Moreno, Instituto Cervantes.
12:00 h. Pausa.
12:30 h. Mesa redonda: A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional. Con Suso de Toro, Manuel Bragado e Margarita Ledo, moderados por Humberto França.
16:00 h. O movemento Festlatino e a súa proxección internacional, por Isabel Pires de Lima, Festlatino.
17:00 h. Promocionando la literatura catalana, por esos mundos de Dios, por Àlex Susanna, do Institut Ramon Llull.
18:00 h. Pausa.
18:30 h. Mesa redonda: As institucións galegas e a proxección internacional da cultura galega. Con Enrique Sáez Ponte, Francisco Fernández Rei e Valentín García, moderados por Henrique Monteagudo.”

Tokio: actuación do colectivo artístico Tender a man, no Día das Letras Galegas

O martes 17 de maio, ás 19:00 horas, na sede do Instituto Cervantes en Tokio, actuará o colectivo artístico Tender a man, unha atractiva proposta de fusión de poesía, música en directo e danza contemporánea que integran os músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut, a bailarina Branca Novoneyra e a poeta Yolanda Castaño. O espectáculo multidisciplinar abrirase cunha interpretación de textos de Lois Pereiro, e continuará máis adiante co repertorio propio do grupo, apoiado nos textos de Yolanda Castaño. Durante o recital poderanse seguir traducións ao castelán e ao xaponés dalgúns dos poemas, no que será unha ocasión histórica de celebración da literatura galega no Xapón. Na actividade colaboran a Dirección General del Libro, Archivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura, a Embaixada de España en Tokio e o propio Instituto Cervantes.

Consello da Cultura Galega e Instituto Cervantes asinaron un protocolo xeral de colaboración durante tres anos

O Consello da Cultura Galega e o Instituto Cervantes asinaron o seu primeiro protocolo xeral de colaboración, cunha inicial vixencia de tres anos, para o desenvolvemento de accións e iniciativas conxuntas de difusión da lingua galega e de impulso da diversidade cultural de Galicia. Ramón Villares, Prsesidente do CCG, e Carmen Caffarel, Directora do Instituto Cervantes, subliñaron “a importancia da cooperación institucional” e felicitáronse polo acordo alcanzado. A sinatura fíxose na Biblioteca do CCG, onde previamente a Directora do Instituto Cervantes mantivo un coloquio con representantes de diferentes entidades culturais galegas e reflexionou sobre Presenza da cultura galega na rede do Instituto Cervantes. O protocolo asinado establece as bases de colaboración entre o Instituto Cervantes e o Consello da Cultura Galega e fixa as seguintes liñas:
-Divulgación do coñecemento da lingua galega, con atención preferente á tradición literaria.
-Planificación e execución de actividades culturais en todas as súas manifestacións e formas de expresión que permitan mostrar a riqueza e a diversidade cultural de Galicia.
-Promoción, mediante o reforzo de colaboración, de programas ou iniciativas culturais de interese para a súa difusión nos centros do Instituto Cervantes no exterior e que desenvolva o Consello da Cultura Galega.
-Potenciación da participación e do interese das empresas de Galicia polas actividades que desenvolvan o CCG e o Instittuto Cervantes no exterior co fin de que contribúan ao seu financiamento a través do patrocinio.
A nova completa pódese consultar aquí. Tamén ven comentada en Galicia Hoxe e Xornal.

Bruxelas: presentación de libros de Xavier Alcalá e Xavier Queipo

Mañá mércores 27 de maio no Instituto Cervantes de Bruxelas (Avenue de Tervueren 64) ás 18:30 terá lugar a presentación dos libros Al sur del mundo de Xavier Alcalá e Las aventuras del Capitán Duchesnoy de Xavier Queipo. O acto contará coa participación de José Manuel Silva, Director Xeral de Investigación da Comisión Europea, e María González Encinar, do departamento de Educación da Embaixada de España en Bélxica.