A poesía de Manuel Rivas, Lupe Gómez ou María do Cebreiro, traducida ao inglés

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A poesía galega avanza na súa difusión internacional. Libros de María do Cebreiro, Manuel Rivas, Lupe Gómez e Yolanda Castaño verán luz en inglés nos vindeiros meses.
Camuflaxe (Chan da Pólvora, 2017) foi a reaparición de Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) logo de seis anos sen publicar. Novo estadio na súa contundente e singular obra poética, obtivo gran recoñecemento das lectoras e da crítica. Non por acaso recibiu o premio da Asociación Galega da Crítica 2018. A canadiana Erín Moure encargouse da tradución inglesa e o volume inaugurará o selo estadounidense Circumference Books, centrado na tradución de poesía.
Shearsman Books, con sede en Bristol, é unha das principais editoriais do xénero en Gran Bretaña. Este ano publicará tres poetas galegas. O deserto (Apiario, 2015), de María do Cebreiro (Compostela, 1976) e no seu día premio da Crítica, e A segunda lingua (Pen Clube, 2014, premio Abanca), de Yolanda Castaño (Compostela, 1977), terán versión do tradutor e poeta irlandés Keith Payne.
A Manuel Rivas (A Coruña, 1957) tamén o traducirá unha irlandesa, a poeta Lorna Shaugnessy que xa se ocupara de facelo con A desaparición da neve (Alfaguara, 2009). Desta volta será A boca da terra (Xerais, 2015).
Non só a poesía viaxará máis alá do campo literario galego. A editorial Small Stations, dirixida por Jonathan Dunne e Tsevetanka Elenkova, anuncia a publicación, ao longo do que queda de 2019, de cinco títulos, segundo informa o portal Galician Literature da Dorección Xeral de Políticas Culturais da Xunta.
Serán de Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) –Tristes armas (Xerais, 1994)-, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) –A Cabeza de Medusa (Galaxia, 2008)-, Elena Gallego (Teruel, 1969) –Dragal IV: A estirpe do dragón (Xerais, 2015)-, Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1955) –Pensa nao (Xerais, 1999) e Paco Martín (Lugo, 1940) –Das cousas de Ramón Lamote (SM, 1985).”

Mercedes Queixas: Saúda e benvida para Forked Tongues

Desde o blogue de Mercedes Queixas:
“Intervención lida, en representación da AELG, o 28 de febreiro no Instituto Cervantes de Dublín no acto de presentación do volume Forked Tongues. Galician, Basque and Catalan Women´s Poetry in Translations by Irish Writers, baixo o coidado da edición de Manuela Palacios:

É o galego a miña lingua de comunicación habitual e a lingua literaria de escrita poética que hoxe nos convoca e acolle neste marco cultural que vén confirmar que as barreiras lingüísticas per se non existen.
Desde logo estas non existen nunca por principio para as linguas hexemónicas. Tal vez deberiamos ser máis cautas ao afirmar isto de maneira tan categórica para as linguas minorizadas, infravaloradas como a miña, o galego, ao igual que o catalán e o éuscaro, que tamén hoxe aquí nos acompañan, dentro do propio Estado español, por definición constitucional plurilingüe e pluricultural, ao que pertencen.
O galego é unha lingua en proceso de normalización, isto é, unha lingua cuxos falantes aínda non teñen asegurada a posibilidade de vivir plenamente nela na súa vida cotiá, malia estar recoñecidos por lei todos os seus dereitos desde a recuperación da democracia, a aprobación da Constitución española en 1978 e o Estatuto de Autonomía en 1981.
Con todo, fronte ás ópticas reducionistas e simplificadoras que tanto agroman por parte dalgúns defensores da unidade mimética e o corsé homoxéneo uniformizador, estamos aquelas persoas que, desde o cultivo do coñecemento, a superación da ignorancia e a valoración do que nos é propio, nos empeñamos en mostrar orgullosas os nosos sinais de identidade, aqueles que nos fan diferentes e singulares dentro da biodiversidade lingüística e cultural.
Precisamente é no ámbito da creación literaria onde o grao de normalización lingüística alcanzado, no noso país, ten sido practicamente completo. Os nosos escritores e escritoras conseguiron, desde a convición e o compromiso íntegro e integrador, converter o galego na lingua habitual de escrita e lectura de todos os xéneros literarios, para todos os públicos, sen excepción, sendo o seu prestixio e recoñecemento de vital importancia (auto)estimuladora, dentro e fóra do noso país.
Porque o puzzle da globalidade non se comprende, en toda a súa dimensión, se non é desde unha perspectiva de sumas integradoras de esencias diferentes e con personalidade propia complementaria. Sumar sempre, restar nunca; multiplicar, si, dividir non.
Ten sido esta vontade común, colaborativa e participativa a que nos conduciu até aquí e neste camiño de tránsito común a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Manuela Palacios debe calificarse como a guía imprescindíbel, a nosa luz. Grazas a ela, sempre acompañadas da súa man abertamente interlocutora, os versos de Pilar Pallarés, Chus Pato, Lupe Gómez, María do Cebreiro e Yolanda Castaño cruzaron os nosos marcos fronteirizos político-administrativos para servos entregados como palabras-agasallo na súa sonoridade de sentimento e nacencia en convivio de irmandade coa vosa senlleira expresión.
Estas cinco escritoras galegas, poetas en esencia, de cuxa traxectoria tanto nos orgullamos, representan cinco mundos líricos persoais que se abren como a rosa de cen follas do noso poeta Ramón Cabanillas para o lectorado contemporáneo; cinco voces que revisitan corpus temáticos tradicionais e amplifican novas experiencias transgresoras para sempre enriqueceren as tonalidades dos versos que cada tempo precisa e merece; cinco expresións femininas que amplían o arco da vella do noso sentir e pensar colectivo, do noso persoal aquí e agora, como herdeiras dun legado literario culto impreso, desde un marcado carácter multicultural, que iniciaron os trobadores galego-portugueses no medievo, a finais do século XII, ininterrumpidamente, a pesar de avatares políticos esóxenos que en diferentes capítulos da nosa historia interna apostaron por invisibilizalo até case facelo desaparecer.
Esta compilación antolóxica biblingüe -galego/inglés- de versos e poemas recollidos baixo o significativo título Forked Tongues, editados orixinariamente en galego entre 1995 e 2010, son un presente que a cidadanía galega amante das letras recoñece, valora e admira. No entanto, somos ben conscientes de que elas, en moitas ocasións, herdeiras da nosa poeta nacional Rosalía de Castro, tamén como ela se senten estranxeiras na súa propia patria, porque a temida invisibilidade do seu traballo, compromiso e esforzo creativo da escrita con mirada de muller desde unha lingua propia, oficial, minoritaria e minorizada sempre asexa e respira ameazadora.
É por esta razón que me orgulla profundamente acompañarvos neste acto, en representación da AELG, para quen sempre será compromiso firme actuar como ponte cómplice en proxectos de internacionalización que coloquen a literatura vivida e expresada en galego, co protagonismo que se merece, no escenario literario global.
Moitas grazas a todas as persoas que, desde unha actitude comprometidamente solidaria e xenerosa teñen contribuído a que o que un día foi un proxecto ilusionante e intanxíbel puidese converterse nunha feliz concreción.
Grazas a estas cinco poetas-compañeiras pola súa enriquecedora expresión lírica; grazas ás tradutoras por este camiño de retroalimentación entre versos que cabalgan linguas; grazas ás poetas de Euskadi e Cataluña por acompañarnos neste ronsel de irmandade; grazas á profesora Manuela Palacios polo seu traballo firme e incansábel e por entender que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega representa a amical casa común aberta sempre ao (re)encontro; grazas á editorial Shearsman Books por valorar e acreditar neste proxecto de intercomunicación literaria e humana; grazas, finalmente, ao Instituto Cervantes de Dublín por actuar de encrucillada de camiños, como os nosos valiosísimos cruceiros de pedra de cantería, onde todo este proxecto colaborativo hoxe cobra vida auténtica.”

Proxección exterior da poesía galega

Desde Caderno da crítica, blogue de Ramón Nicolás:
“Distribúese, desde hai escasos días, unha antoloxía poética publicada polo selo inglés Shearsman Books baixo a responsabilidade da profesora Manuela Palacios; unha  empresa editora, por certo, aberta e receptiva á literatura contemporánea galega pois xa acolle no seu catálogo poemarios de Chus Pato, María do Cebreiro e, hai pouco, de Manuel Rivas, en tradución da irlandesa Lorna Shaughnessy. (…) Nesta ocasión, incorpóranse versións bilingües en galego e inglés de poemas de Chus Pato e María do Cebreiro, que constituían parte do catálogo de Shearsman,  xunto  con  outras voces que non formaran parte da antoloxía anterior  -a devandita To the Winds…- e que son Pilar Pallarés, Yolanda Castaño e mais Lupe Gómez Arto; de todas elas poden lerse composicións, nalgúns casos inéditas, traducidas ao inglés por poetas irlandesas que, segundo a editora do volume, gozasen dalgunha afinidade, de carácter estilístico e temático, coa obra das poetas  que   traducen. A carón delas, súmanse catro poetas vascas  –Itxaro Borda, Miren Agur Meabe, Castillo Suárez e Leire Bilbao- e catro catalás –Vinyet Panyella, Susanna Rafart, Gemma Gorga e Mirei Calafell-, con textos en inglés e nas súas respectivas linguas, para poñer o ramo a un excelente volume, coidadosamente anotado e que só cómpre saudar con satisfacción.”

Publican en inglés o libro de Manuel Rivas A desaparición da neve

Manuel Rivas, o autor galego con máis libros traducidos ao inglés, ofrecerá o vindeiro mes un novo título aos lectores anglófonos. O 15 de abril publicarase The Disappearance of Snow, a versión inglesa de Lorna Shaughnessy do poemario A desaparición da neve. O libro aparecerá en Shearsman Books, que xa ten no seu catálogo obras de autores galegos como Chus Pato. Tamén en abril Rivas presentará o libro por partida dobre en Irlanda. Dunha banda, protagonizará un acto no Instituto Cervantes de Dublín, mentres que por outra participará no festival literario Cúirt, na localidade de Galway, onde falará, xunto co escritor vasco Kirmen Uribe, sobre identidade e culturas minoritarias, en conversa con Jonathan Dunne, o seu tradutor habitual.” Vía La Voz de Galicia.