Entrevista a Silvia Penas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): En especial na década dos noventa foron as mulleres as que recuperaron o corpo para a poesía. A presenza das uñas responde a esa idea?
– Silvia Penas (SP): Lin ás poetas que publicaron nos noventa e por esa razón algo pode quedar mais a miña non é unha poesía nesa liña. Non sei onde me podería encadrar. De momento non fago por me situar literariamente. Hai persoas que mudan dun libro a outro.
– SG: O xurado [do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey] valorou a frescura e novidade da obra. Fuxe de textos requintados?
– SP: Moitas veces escribo como penso, moitas veces de maneira directa. Iso non significa que non estén traballados.
– SG: Gañou xa varios premios de poesía, entre eles o da Universidade de Vigo, o GzCrea ou o Victoriano Taibo. Por que decide escribir poesía?
– SP: Depende do momento mais para presentarme a un premio e gañar uns cartos pode ser unha finalidade. Participo en recitais e tamén preciso textos para facelo e esta é a razón de que procure textos máis orais. O que si teño claro é que non é unha escrita introspectiva. Sempre gostei moito da literatura e hai unha necesidade de furgar na linguaxe, de estar cerca do texto. Gústanme os actos poéticos, cada vez me dou máis conta de que moita xente que non le chega á poesía a través de recitais. (…)”.