Os escolares galegos premian ao muxián Rivadulla Corcón

Entrevista a Xosé Henrique Rivadulla Corcón en La Voz de Galicia:
“”Este premio debe considerarse para todos os muxiáns de ben, porque está escrito coa inspiración da lenda da Furna da Buserana, a lenda nacional dos muxiáns, e porque está tecido cos vimbios da cultura propia de Muxía, e por suposto de toda a Costa da Morte». Desta forma tan poética e tan propia del, agradecía o escritor muxián Xosé Henrique Rivadulla Corcón as primeiras felicitacións polo seu novo premio literario, o Frei Martín Sarmiento, que acadou pola novela O noso amor será eterno. Un galardón que gaña por cuarta vez e que recoñece as mellores obras publicadas durante os dous anos anteriores a xuízo dos escolares galegos. «Este tipo de recoñecementos son moi satisfactorios, porque están referendados polos propios lectores, que amosan deste modo que lles gusta o que escribiches», explicaba o autor, que recibiu o premio na Festa da Lingua, celebrada o mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Rivadulla Corcón, que acadou a recompensa na categoría de 3.º, 4.º e Bacharelato, amosouse especialmente contento porque, segundo explicou, O noso amor será eterno, incluído na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais e publicado a finais do 2011, é a súa obra máis muxiá e persoal. «É unha novela moi especial para min, porque está baseada na cultura da miña vila. Parte da lenda da Furna da Buserana e fala da forma de ser e da cultura muxiá, o mar e algo central na historia e incluso penso que ten certo valor etnográfico, porque recolle, por exemplo, xoguetes da miña infancia, a importancia do máis alá na cultura galega o a importancia da solidariedade entre as xentes do mar», contaba Rivadulla Corcón. (…)”.