Lídia Jorge: Escritora Galega Universal

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca coa mención Escritora Galega Universal a alta calidade literaria do conxunto da súa obra, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir. En compañía dos seus personaxes Lídia Jorge móstranos a realidade e permítenos entender os cambios sociais.
Con motivo da entrega do premio, Lídia Jorge estará en Galicia nos vindeiros días:

Venres 3 de maio:
– Ás 18.15, ofrecerá no Salón de Actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) unha rolda de prensa á que seguirá unha visita ás instalacións da Academia guiada pola Académica Margarita Ledo Andión, e a sinatura no libro de honra
– Ás 20.00 e tamén no Salón de Actos da RAG, impartirá a conferencia Quem guardará os livros coa que se clausuran os VI Encontros Cidade da Coruña organizados pola AELG.
O sábado, 4 de maio recibirá o Premio Escritora Galega Universal no transcurso da Gala das Letras, ás 20.00 no Auditorio do Centro Ágora da Coruña.

Lídia Jorge naceu no Algarve en 1946. Licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Lisboa. Como profesora do Ensino Secundario pasou algúns anos decisivos en Angola e Mozambique, durante o último período da Guerra Colonial.
A publicación da súa primeira novela,O Dia dos Prodígios (1980) constituíu un acontecemento. Seguíronlle O Cais das Merendas (1982) e Notícia da Cidade Silvestre (1984), ambos distinguidos co Premio Literario Cidade de Lisboa. A Costa dos Murmúrios (1988), libro que reflicte a experiencia colonial en África, confirmou o seu destacado lugar da autora no panorama das letras portuguesas. Entre outras novelas, cóntanse O Vale da Paixão (1998) galardoado co Premio Dom Dinis da Fundação da Casa de Mateus, o Premio Bordalo de Literatura, o Premio Máxima de Literatura, o Premio de Ficção do P.E.N. Clube, e en 2000, o Premio Jean Monet de Literatura Europea, Escritor Europeo do Ano. Pasados catro anos Lídia Jorge publicou O Vento Assobiando nas Gruas (2002), un dos máis apreciados pola propia autora, novela que mereceu o Grande Premio da Associação Portuguesa de Escritores,  o Premio Correntes d’Escritas e primeira edición do Albatroz, Premio Internacional de Literatura da Fundación Günter Grass.
A autora publicou aínda dúas antoloxías de contos, Marido e Outros Contos (1997) e O Belo Adormecido (2003), ademais das publicações separadas de A Instrumentalina (1992) e O Conto do Nadador (1992) e a peza de teatro A Maçon.
As novelas de Lídia Jorge están traducidas a diversas linguas.