Ramón Nicolás: “O Día das Letras non debe limitarse a un ano”

Entrevista a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Os blogs mudaron moitas cousas no panorama editorial. ¿Como o utiliza un crítico?
– Ramón Nicolás (RN): Mudárono, en efecto, aínda que talvez un tanto relativamente porque non se pode falar de xeneralización deste soporte, malia que cada día é maior o número de persoas que se asoman á rede para se informar pois xa foron educados nas súas potencialidades, no seu doado acceso e na súa inmediatez. No que atinxe á crítica, e especificamente a do libro galego, esta é unha batalla na que hai que estar e que non se debe perder, e mesmo coido que goza dunha saúde que está á vangarda do que se fai preto de nós.
– LVG: A súa biografía de Celso Emilio está a ter moi boa acollida…
– RN: A acollida foi e é tan fabulosa que nin nas mellores expectativas o sospeitaría hai menos dun ano. Alégrome, sobre todo, porque co galardón se me posibilita agradecer a confianza dos lectores, e tamén a que me prestaron Xerais, a Fundación Celso Emilio Ferreiro e moitas persoas próximas. Tamén porque entendo que a biografía é un libro colectivo, que creei a partir de xenerosas achegas de persoas que compartiron a súa memoria comigo para trazar, no posible, un perfil actualizado de Celso Emilio Ferreiro.
– LVG: Falta pouco para o 17: ¿como prolongar o espírito do Día das Letras e o interese pola literatura galega?
– RN: O Día das Letras non pode, nin debe, circunscribirse a un mes, nin, ao meu ver, a un ano. A experiencia levada a cabo desde a Fundación Celso Emilio Ferreiro o ano pasado para sumar vontades que conflúen no interese de difundir a memoria e o legado de Celso Emilio conduciu facilmente a estender as actividades ao longo de todo un ano, e mesmo máis alá. Neste sentido cómpre implicar máis á sociedade civil con diferentes estratexias, e hainas.”