Fran Alonso: “Concibo a escrita como unha superación na que sempre tes que dar máis de ti ou ofrecer algo novo”

Entrevista a Fran Alonso en Bahía Sur, desde Xerais:
“(…) – Bahía Sur (BS): Narrativa, poesía, relatos…a túa escrita viaxa por diferentes xéneros. Tes preferencia por algún ou depende de cada momento?
– Fran Alonso (FA): O feito de ser un escritor todoterreo permíteme experimentar máis e repetirme menos. Supón un reto maior, porque cambias de rexistro con frecuencia. Concibo a escrita como unha superación na que sempre tes que dar máis de ti ou ofrecer algo novo. E cada momento dítame o que me apetece ou creo que debo escribir. Ora ben, paréceme moito máis difícil escribir un bo poema que un bo relato. (…)
– BS: Cal é a túa disciplina de traballo, tes algún ritual ou manía cando escribes?
– FA: En xeral, preciso moita concentración. Gústame moito pecharme e escribir de seguido, sen parar, que é algo que case nunca podo facer. Cando me meto no proceso creativo dun libro non quero distraccións. Necesito concentrarme para sentir o que senten os meus personaxes ou para ser capaz de converterme noutra persoa. Adoito axudarme da música. Escoito case sempre unha mesma canción ao longo de todo o proceso creativo dun libro, que sexa suave, e que me facilite a fluidez do pensamento. Unha manía!
– BS: O título é punto de arranque dunha historia?
– FA: Pode selo. No meu caso, non é frecuente. Eu adoito pensar primeiro a historia e logo un título. O que si é certo é que eu teño moita facilidade para os títulos e case sempre os teño decididos en canto comezo a escribir. Para min, os títulos son moi importantes e forman parte das intencións do libro. (…)
– BS: Como é o momento actual da literatura na Galiza?
– FA: O momento da literatura galega é magnífico, rico e moi plural e eu, que leo literatura de todo o mundo, creo que non temos nada que envexar a outros países. O principal problema da literatura galega é que se expresa nunha lingua que sufriu un proceso de devaluación histórica, que non é apoiada legalmente, que non é defendida pola administración, que ten moita menos visibilidade, e sobre a que os galegos e galegas non toman dunha vez a decisión de defendela. Sen lingua, o enorme potencial creativo deste país chamado Galicia non existiría. Seriamos un triste páramo. (…)”.