Xabier López: “En Cadeas o lector ten que tomar parte”

Entrevista de Ramón Nicolás a Xabier López no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) Hoxe volve transitar por esta bitácora para dialogar arredor do orixinal que resultou galardoado na XXX convocatoria do Premio Xerais de Novela e desvelar algunha das claves que esta proposta encerra. O meu agradecemento a Xabier López pola súa colaboración.
– Ramón Nicolás (RN): Cando nace Cadeas como proxecto narrativo?
– Xabier López (XL): Dende o punto de visto «conceptual», poderiamos dicilo así, ao pouco de publicar o meu último título para adultos, a finais do 2010, e refírome ao volume de relatos Os libros prestados. Nese momento preguntábame, nunha serie de reflexións «cibernéticas» sobre o propio libro, se a nosa vida, as vidas todas, non poderían explicarse coma «unha suma de relatos». O traballo «material» demorou unha miga máis, mais o lévedo xa estaba aí…
– RN: A novela parte dun plan deseñado ou nela se foron engadindo partes diversas?
– XL: Houbo plan, houbo. Aínda que como todos os plans que queren chegar a algures, revisouse unha ducia de veces. Escribir é un proceso no que tanto conta a adición, a suma, a achega, coma o puro e duro «recorte». E de todo houbo, xaora: achegas, supresións e, ás veces, estraños concertos entre unha cousa e outra.
– RN: O xurado cualificouna como «novela de novelas»… Hai nela unha vontade de diluír fronteiras de xénero?
– XL: Pois non o sei, a verdade. O que si podo dicir é que maneiras de contar as cousas hai un cento, e ás veces estamos ata as cellas -e digo como lectores- de que nolas conten da mesma maneira. Se as fronteiras non se rematan por esluír, cando menos intentei facelas o máis porosas posibles…
– RN: Tamén se subliñou a pluralidade temática e estrutural. Podíase talvez dicir o mesmo da túa traxectoria narrativa ata agora.
– XL: Seguramente. Non teño demasiada seguridade de que iso sexa «bo» (cando menos comercialmente falando) mais penso que se en cada nova achega un non se impón certos retos, a literatura (o que sexa) remata por perder a partida.
– RN: Apuntouse que prefiguras un lector ou lectora activa, que debe participar na propia historia…
– XL: Ben. Estamos xa no século XXI. O lector xa non é nin pode ser ese lector pasivo dos tempos dos folletíns e das novelas por entregas. Ten que tomar parte. Decidir. «Escribir» el tamén, se podemos dicilo así. Ora que neste caso, e aínda que pareza un lugar común, creo que conseguín establecer dous niveis de lectura distintos: un máis convencional e outro máis arriscado en canto activo. Sei que pode parecer contraditorio con todo o que dixen ou se dixo sobre a novela, mais, en certo modo, é unha novela para «todos os públicos».
– RN: Confesaches que Cadeas era, para ti, unha proposta pouco convencional e víaslle escasas opcións no premio. As sorpresas tamén existen…
– XL: O que si gabei, e debo volver facelo, é a valentía dun xurado nuns tempos nos que, por desgraza, a literatura e o mundo editorial, a forza de sufrir reveses e outros ataques, está a virar demasiado conservador. As miñas palabras deben ser interpretadas nese sentido.
– RN: Entendín, no teu discurso de agradecemento, que na novela circulan personaxes «reais»: Dieste, Manuel-Antonio e se cadra outros… Cal é o seu papel?
– XL: Entendiches ben. Na novela existen personaxes anónimos (e ficticios) e outros reais (aínda que ficcionados) porque a vida, e xa que logo a novela (sexa o que for) creo que se atopa en relación directa cos conceptos do modelo, do dobre, do espello… de aí esa «estraña» convivencia que apuntas. Cando mencionas a Dieste e a Manuel Antonio… Son o único que os ve, malia ser bos amigos, como auténticas figuras «antagónicas»? Á marxe da fascinación que poidan causar a/s súa/s vida/s e obra/s, creo que representan dúas formas ben distintas de estar na vida e na literatura. (Equivócome ao ver a Dieste coma o irmán maior?). Ora que as dúas formas fracasan, claro; de igual xeito que a novela, como tal, se atopa en relación de fracaso coa realidade, o mesmo pasa nese proceso de construción identitaria en que os dous están embarcados dunha maneira ou outra.
– RN: Van varios premios colleitados na túa traxectoria. Ten este algo de especial?
– XL: Dende logo que o Xerais ten algo especial. Medrei lendo premios Xerais (dende ese distante BUP do que xa poucos se lembran) e agora que cumpren trinta anos, ver o meu nome aparellado a unha efémeride coma esa… Penso que é un bo estímulo para seguir facendo… o único que en verdade sei facer.”