Entrevista de Ramón Nicolás a Antonio Fraga, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Sinalaches que n´O castañeiro de abril foxes do edulcorado á mantenta, á marxe de concretas franxas de idade…
– Antonio Fraga (AF): Si, quixen protexer a obra de min mesmo e non dulcificarlles aos rapaces cousas que irían en detrimento do propio valor da historia. Acho que é moi sinxelo acadar empatía cos personaxes, principalmente con Baltasar, o protagonista, e se iso é así, en gran medida é pola dignidade e valor co que afrontan as distintas vicisitudes que lles xorden.
– RN: Tamén resultou gabada polo xurado a forma da novela, o nivel de expresión. Algo fundamental para calquera obra?
– AF: Alegreime especialmente de que iso fose tido en conta, porque tentei ser todo o coidadoso posíbel nese aspecto. Como persoa cuns estudos técnicos e afastados do eido da lingua, procurei ser o máis respectuoso posíbel no seu uso. Gustei da metáfora do canteiro traballando a pedra que empregou o xurado, porque tentei que os meus golpes co cicel fosen o máis precisos posíbeis.
– RN: No ámbito da LIX galega e internacional, no caso de telos, cales son os teus referentes?
– AF: Semella moi manido dicir isto, mais a nivel internacional o meu principal referente é Roald Dahl, porque consegue que goce como un raparigo cada vez que releo algún dos seus libros. A nivel galego hai moitos, mais se teño que ficar cun nome talvez sería o de Agustín Fernández Paz tamén polo moito que teño gozado coa súa obra. (…)”