Sinatura de convenio de colaboración entre Galiza co Galego e a Mesa pola Normalización Lingüística

O luns 17 de xuño, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, a Mesa pola Normalización Lingüística e a asociación Galiza co Galego asinaron un convenio de colaboración, co obxectivo de contribuíren á divulgación das actividades das dúas entidades e dos seus obxectivos comúns, nomeadamente a promoción do ensino en galego. Pola Mesa pola Normalización Lingüística interveu Susana Méndez, vicepresidenta da entidade, e por Galiza co Galego Francisco López, da súa Comisión Reitora.
Susana Méndez, vicepresidenta da Mesa, indicou durante o acto da sinatura que para a entidade que representa é moi positivo abrir novas vías de colaboración con entidades de obxectivos coincidentes e aposta por que o acordo sexa frutífero para as dúas asociacións. Pola súa banda, Francisco López, coordinador de Galiza co Galego, afirmou que para esta entidade é un novo paso que agarda contribúa a aumentar a súa rede de apoios e, en consecuencia, contribúa a afortalar o seu proxecto de Rede de Escolas. Os dous representantes coincidiron en que o ensino é fundamental para a pervivencia e futuro do noso idioma, polo que calquera iniciativa que se poña en marcha neste sentido debe contar con todo o apoio posíbel por parte das entidades que xa traballan neste ámbito.