Xabier López: “Os que nos gobernan son uns nostálxicos das partes máis sinistras do século XX”

Entrevista de Alberto Ramos a Xabier López en Praza:
“(…) – Praza (P): De entrada, unha pregunta tópica. Que significa gañar o Xerais nesta trixésima edición? E, sobre todo, para un autor que xa gañou un bo número de premios literarios.
– Xabier López (XL): Imaxino que todo o mundo dirá o mesmo, pero a verdade é que é un orgullo. Sobre todo por iso que dis, que non deixa de ser unha casualidade; mais que se xunte o teu nome cunha cifra tan redonda como é a trixésima, pois parece que lle dá aínda máis prestixio. Por outra banda, é certo que eu xa teño outros premios gañados, pero cada un deses ten a súa singularidade e, sobre todo, o seu tempo. O último premio que acadara fora en 2003 e, dende aquela, pasou unha década e pasaron moitas cousas, tanto na miña vida como para todo o mundo. E vense doutra maneira, claro está. (…)
– P: Na entrega do Xerais comentouse tamén que o libro lle pega un bo percorrido ao século XX. Como definiría vostede, e tras escribir estas Cadeas, ese século do que xa dixo que foi “brutal”?
– XL: É un século, evidentemente, de luces e de sombras, como calquera das nosas vidas. Pero, sobre todo, foi un século atravesado por guerras violentísimas, por dúas guerras mundiais e por outras, moi cruentas, que nunca recibiron ese termo de “mundiais.” E no libro… O primeiro que hai que dicir do libro é que a novela parte dunha reflexión, que é a busca do lector perdido. O protagonista é un escritor que atopa fisicamente a alguén lendo un libro seu e constata así unha pregunta que nos facemos todos os autores: E quen nos le? Iso pode sabelo, máis ou menos Manuel Rivas [Ri], pero non moitos máis. E este escritor ten a sorte de responder a pregunta. Esa busca do lector perdido dá pé a unha reflexión do escritor sobre o que é unha novela e as relacións da novela coa realidade. De feito, ten moito diso do que falaba Stendhal: o espello ao longo do camiño. A raíz desas cuestións, arrinca o texto e, a partir de aí, van emerxendo diversas historias, focalizadas dende os naufraxios de finais do século XIX na Costa da Morte até, nese mesmo espazo, unha historia de iniciación adolescente de finais dos oitenta ou comezos dos noventa, cuxo pano de fondo son os veraneantes madrileños que visitan as nosas vilas e que suscitaban unha fascinación terrible, que chegaba ao punto de que cambiaba as pautas e os comportamentos da xente. Producíase ese fenómeno que lle importan tanto aos galegos: Ser bos anfitrións por riba de calquera cousa, até o punto de renunciar a nosa lingua. Entre eses dous elementos temporais, o naufraxio no século XIX e o turismo de finais dos oitenta, hai un século polo medio. E aí van xurdindo unha historia da Guerra de Cuba, outra do servizo militar en Marrocos, mesmo outra sobre un campo de concentración en Alemaña; todos elementos históricos que, directa ou indirectamente, afectáronos ao longo dese século. Así créanse dous niveis de lectura ao longo de Cadeas. Un que pode servir para que un lector se contente con ler as diferentes novelas e outro nivel de lectura, para lectores máis activos -que o que deberíamos ter a estas alturas- que realiza o percorrido máis amplo dunha lectura global e que sexa capaz de rematar de escribir, el mesmo, a historia. (…)
– P: Unha última pregunta. Na situación actual que vive o sistema editorial, os premios literarios resultan o camiño máis seguro para publicar? É dicir, que os selos arrisquen en autores novos ou en novas experiencias resultará difícil nestes tempos, non?
– XL: Sería inxusto que eu me queixase. Eu teño moita obra publicada sen premio e, por iso, non sería xusto que me laiase. Agora ben, eu sei que era iso de ser novo e recibir “nons”. E os primeiros “nons” doen moito. O día da entrega do premio en San Simón, xa dixera que valorara a decisión do xurado nun momento en que as editoras van atender, case unicamente, ao conservadorismo máis absoluto… E cando digo conservadorismo refírome, claro está, a tendencia a publicar o que saben que pode ser rendible de antemán. Non podemos esquecer, como case sempre fai a Xunta, que as industrias culturais son industrias e que as editoras son empresas, seguramente dirixida por xente tola porque nin agora nin antes este era o negocio do século, non? [Risos] Pero son empresas. Por iso van tender a buscar títulos máis conservadores e ir sobre seguro. O risco vai quedar arredado. E o risco e o buscar cousas novas son realmente os motores dun sistema literario. E os premios acaban xogando moito coas complicidades entre xurados e editoriais. Os xurados, e non falo deste en concreto, senón doutros que pode haber por aí, moitas veces acaban actuando como se fosen un comité de lectura dunha editorial e aplican os criterios editoriais. E un xurado debe ser outra cousa, debe premiar unha obra literaria. O risco e ambición ten que estar presente e os xurados teñen que premiar todo iso.”