Xosé Manuel Pacho Blanco: “A obra é a metáfora da rebelión dos cidadáns”

Entrevista a Xosé Manuel Pacho Blanco en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O xurado [do premio Rafael Dieste] salienta o feito de que o texto traballa con elementos do presente. ¿A que responde o título?
– Xosé Manuel Pacho Blanco (XMPB): Só me interesa o teatro actual, o que se define no seu tempo e está vencellado á contemporaneidade. A obra é unha proposta que trata de reflexionar sobre os problemas actuais, as angustias dos cidadáns, a crise, os abusos da banca… e aproveita esa realidade para amosarse reivindicativo, como unha metáfora da rebelión que deben canalizar os cidadáns. O obxectivo é o teatro social.
– LVG: ¿Onde se sinte máis cómodo, na novela ou na escrita escénica?
– XMPB: Para min non hai división que supoña unha incompatibilidade de xéneros. Cada cousa ten o seu interese; a novela, o relato, a escrita teatral, calquera formato é bo se coincide co que ti queres expresar e transmitir.
– LVG: Gañou o Torrente Ballester, o de teatro radiofónico da Radio Galega e agora o Rafael Dieste. ¿Por que só temos novas súas vencelladas aos premios?
– XMPB: Con toda a sinceridade do mundo: ¡por necesidade! Teño oito obras inéditas: tres novelas, dúas obras de teatro e tres poemarios. Nalgún caso hai dous anos que estou agardando que me respondan da editorial; daquela os premios son a única saída para ver publicada a túa obra.
– LVG: Recorrendo ao tópico non semella que sexan bos tempos para a cultura.
– XMPB: Son os peores que levamos vivido. A cultura é o que lle dá valor engadido á sociedade, aínda que estes son tempos de estupidez, como podemos ver por actitudes como a que vén de adoptar a Agadic coas súas convocatorias. (…)”