Suso de Toro: “Só a soberanía nos permitiría solucionar os nosos problemas como país”

Entrevista de Montse Dopico a Suso de Toro en Praza:
“Unha galería de personaxes que poida resumir “as nosas capacidades, dilemas e posibilidades” como país. Así presenta Suso de Toro o contido de Inmateriais (Xerais), o seu novo libro. Nel, recolle boa parte dos retratos de personaxes da nosa historia que publicou no desaparecido suplemento Luces de El País. Trinta textos nos que presenta a crónica do que, ao seu ver, foi o “fracaso nacional galego”. Desde un Reino de Galiza que perdeu fronte a Castela ata un proxecto galeguista e liberal que non acabou de triunfar ou un golpe de Estado que, no 36, rematou con ilusións e esperanzas.
– Praza: Xa dis no limiar que a escolla dos personaxes é subxectiva. Como comezara esta serie de retratos?
– Suso de Toro: Propuxen facer unha galería de personaxes. O punto de vista é subxectivo, porque é unha escolla miña, pero tamén ten unha dimensión obxectiva. Son todos personaxes máis ou menos coñecidos, que eu poño nun plano de igualdade: os indiscutidos, como Castelao, ao lado dos máis discutidos; ou doutros que quixen poñer en valor e facer máis visibles… O que hai, sobre todo, é unha lectura persoal de Galiza como pobo, como reino, nación, comunidade humana. Neste sentido, Inmateriais completa, a través de 30 historias de distintos personaxes, o que escribín en prensa e noutros libros sobre Galiza. O que teñen en común estes trinta personaxes é que están, case todos, marcados polo signo do fracaso, que é o fracaso nacional galego. Primeiro, o fracaso de Compostela fronte a Toledo. Despois, o do Reino de Galiza fronte ao Reino de Castela… ata chegar a hoxe. Todos os personaxes tropezan coa realidade de non termos Estado propio. E o fracaso político de Galiza conduce ao fracaso persoal: profesional, artístico, cultural, político… (…)”.