Jorge Llorca Freire gaña o XXXI Premio de Novela Longa Blanco Amor coa súa obra O violín de Rembrandt

Desde o Concello de Ferrol e Xerais:
“A novela O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca Freire, resultou gañadora do XXXI Premio de Novela Longa Blanco Amor, convocado polo Concello de Ferrol. Así o anunciou o venres día 6 o concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García Hurtado, logo da xuntanza mantida polo xurado no pazo municipal.
Os integrantes do xurado da trixésimo primeira edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, integrado por Medos Romero, Xabier P. Docampo, Manuel Forcadela e Laura Tato, destacou a calidade e variedade da totalidade das obras presentadas. Con respecto á obra gañadora, trátase dunha novela en que prima o humor cun ton áxil, fresco e irreverente que reflicte ambientes sociais de pequenas cidades, nas que o contraste entre o global e o local se ve neutralizado con personaxes cotiás. Unha obra que cualificaron como “nada do desexo de contar e que da como resultado unha narración fluída e gozosa para o lector”. O premiado, Jorge Llorca Freire, recibirá un premio en metálico de 12.020 euros.
Finalmente, o responsable das políticas culturais da Administración ferrolá avanzou que o galardón será entregado o 2 de novembro, nun acto que terá lugar no Teatro Jofre, a partir das 20.30 horas.”