Jorge Llorca: “A sociedade está feita para frustrar os máis febles; pero todos tentan sobrepoñerse, aínda que sexa en soños”

EntrevistaJorge Llorca de Montse Dopico a Jorge Llorca en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Un profesor de historia da arte atopa unha oportunidade de traficar cun Rembrandt e un Stradivarius que pon a proba os seus principios. É unha novela [O violín de Rembrandt] sobre a tentación, a soidade, o engano… Cal é o tema que quixeches subliñar máis?
– Jorge Llorca (JL): “Nada mellor para conservar a cordura, que carecer de oportunidades para perdela”, di o protagonista. Mais, que facer se se presenta a oportunidade?. Velaí o cerne da trama, tan inverosímil como a vida mesma… A resposta ten que dala cada quen, e asumir as consecuencias. Pero mellor ler libro. (…)
– MD: Hai moita arte e moita música na novela, que por outra banda non é sorprendente tendo en conta a túa profesión. Ten algo o libro, nese sentido, de homenaxe ao que dedicas a túa vida -a pintura…
– JL: Sen ser o personaxe un trasunto do autor, é certo que a miña vida profesional ten que ver co mundo da arte, mais o que na novela acontece é cousa do iluso profesor da Academia Atenea. Pero os dous coincidimos en certa “promiscuidade” estética, que no libro é do pouco que se salva, porque “ a beleza, non é o humus onde florecen as orquídeas”. (…)
– MD: A estrutura combina esa narración en primeira persoa con abundantes diálogos. Como a pensaches?
– JL: Penseina en primeira persoa, para que soase máis real, máis próxima, xa que a historia pode semellar bastante inverosímil. Os diálogos deberan contribuír a facer aos personaxes máis cribles e a narración áxil. Quería que esta fluíse, como se di na novela, como a vida mesma, pero a vida está chea de sorpresas e mesmo ás veces semella non ter sentido. (…)”

Ferrol: presentación de O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca

OJorge Llorca xoves 23 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, preséntase O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Eduardo Fra Molinero e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca

OJorge Llorca xoves 9 de outubro, ás 20:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado.

Jorge Llorca Freire gaña o XXXI Premio de Novela Longa Blanco Amor coa súa obra O violín de Rembrandt

Desde o Concello de Ferrol e Xerais:
“A novela O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca Freire, resultou gañadora do XXXI Premio de Novela Longa Blanco Amor, convocado polo Concello de Ferrol. Así o anunciou o venres día 6 o concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García Hurtado, logo da xuntanza mantida polo xurado no pazo municipal.
Os integrantes do xurado da trixésimo primeira edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, integrado por Medos Romero, Xabier P. Docampo, Manuel Forcadela e Laura Tato, destacou a calidade e variedade da totalidade das obras presentadas. Con respecto á obra gañadora, trátase dunha novela en que prima o humor cun ton áxil, fresco e irreverente que reflicte ambientes sociais de pequenas cidades, nas que o contraste entre o global e o local se ve neutralizado con personaxes cotiás. Unha obra que cualificaron como “nada do desexo de contar e que da como resultado unha narración fluída e gozosa para o lector”. O premiado, Jorge Llorca Freire, recibirá un premio en metálico de 12.020 euros.
Finalmente, o responsable das políticas culturais da Administración ferrolá avanzou que o galardón será entregado o 2 de novembro, nun acto que terá lugar no Teatro Jofre, a partir das 20.30 horas.”