Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Daniel Costas Currás no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Daniel Costas Currás (XDCC): Neste momento, estamos monopolizados pola crise e todo o mal que se fai parece que está relacionado con ela. Independentemente dos problemas económicos, a cultura, a literatura, merecen mellores xestores políticos que crean en nós. Respecto á produción literaria, penso que se están facendo cousas ben interesantes, propostas diferentes, hai que seguir pensando a literatura como unha descuberta. Cando escoito ou leo poemas ou textos extraordinarios póñome feliz, porque me satisfai sorprenderme coa literatura. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XDCC: Atopo cousas que me gustan, outras que me fascinan e outras que sinxelamente non me gustan ou pasan desapercibidas, como en calquera sistema literario. Temos moito de escribir nós para nós, iso fai que a literatura teña un ton selectivo que prexudica a universalidade do texto. Estes anos saíron numerosas novelas dunha calidade excepcional, con moi boa acollida entre os lectores polos universos que crean. Observamos como aparecen ensaios que dignifican a nosa literatura, que a elevan pola calidade dos mesmos. En poesía hai moitísimas voces excepcionais acordes á calidade da nosa literatura. Mais, de xeito xeral, aparecen moitas inclusións literarias que semellan unha extensión das redes sociais. Por unha parte serven para difundir información literaria e por outra xeran unha gran cantidade de estados de ánimo que moitas veces se confunden con literatura. Hai que habitar esa fronteira e afastarse dela creando diferenciadamente. (…)”