Santiago: ingreso de Pegerto Saavedra na Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega:
“(…) Despois da preceptiva lectura da certificación da celebración do acto de ingreso por parte do secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, o novo membro numerario, Pegerto Saavedra, deu comezo ao seu discurso titulado Demarcacións, topónimos, papeis, memoria: sobre a división e o control do territorio na Galicia moderna cunha evocación do seu antecesor na cadeira, o catedrático lucense de Xeografía na universidade compostelá, Francisco Xavier Río Barja, discípulo de Otero Pedrayo e continuador da súa obra de pescuda e análise científica da nosa xeografía. O novo catedrático salientou a contribución decisiva de Río Barja á modernización dos estudos xeográficos no noso país, quer mediante o seu labor docente na universidade, quer mediante as súas publicacións na Revista de Economía de Galicia. (…)
Na súa resposta en nome da Academia, Ramón Villares salientou a importancia das investigacións do novo membro numerario sobre as condicións de vida no rural galego durante o Antigo Réxime, exemplificada en obras como A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850, publicada en 1992, e que había merecer o Premio da Crítica ao ano seguinte. Villares Paz subliñou tamén a influencia que estudosos marxistas como Pierre Vilar e E. P. Thompson tiveron na súa formación como historiador, un maxisterio que se fai patente na súa dedicación ao estudo da vida das clases populares galegas, e das súas estratexias de resistencia á autoridade dos estamentos superiores durante o Antigo Réxime. Ramón Villares rematou o seu discurso trazando unha análise comparativa entre os obxectos de estudo de Otero Pedrayo e Pegerto Saavedra: o primeiro, centrado no esplendor e decadencia da fidalguía; o segundo, na comprensión do papel histórico do campesiñado galego. (…)
O discurso completo pódese descargar aquí.”