Nova tempada de Escrita(s) en Compostela

Entrevista a Edita Fernández Oca e Claudio Pato en Praza:
“(…) – Praza (P): As Escritas son unha ollada sobre a relación de quen escribe coa escritura, pensando nos autores que viven aquí. Calís [Claudio Pato], ti dixeches que a xente nova era a que máis se achegaba á escritura. Isto non é unha contradición dado o estranamento entre xente nova e lingua no noso país?
– Claudio Pato (CP): O que eu dixen é que buscabamos xente nova. Eran os que menos visibilidade tiñan. Eu polo que vía, como espectador, sempre vía os mesmos nomes. Tiramos por xente nova a nivel temporal. A min parecía interesante que esa xente tivese un espazo para falar. (…)
– P: Houbo ocasións nas que falastes dunha permeabilidade do texto, non pensades que esa permeabilidade pode matar a escrita?
– CP: A escrita o que fai é embebedarse de todo o que está no mundo. Interésanos que o de fóra entre na escritura. Non hai autonomía na escritura, senón que bebe de procesos que a rodean. Son persoas que viven, traballan ou estudan e dánlle á cabeza para logo escribilo.
– P: A escritura é para vós un xogo?
– CP: Para min é un oficio.
– Edita Fernández Oca (EFO): Para min é unha responsabilidade.
– P: Se vos comparades coa escrita oficial, sentídesvos coma uns pallasos que non lle fan gracia a ninguén?
– CP: Volvendo ao de xogo, cambiei ese termo polo de oficio, porque a escrita é un oficio que te leva ao oficio máis importante, o de vivir. Apréndese moito por aí. A escritura é un xogo porque ti xogas coa linguaxe. Nese xogo ten que haber un compoñente ético e político para que esa linguaxe non fira, e se o fai que fira a hexemonía que crean os marcos de guerra que non nos deixan vivir. E de ser pallaso, pois os pallasos gustan.
– EFO: Entre pallasos e burros anda a cousa. (…)”