Desde Sermos Galiza:
“A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) celebrará a XI edición do seu congreso en Bos Aires os días 6, 7 e 8 de abril de 2015. (…)
A AIEG vén de tomar a decisión despois dun debate entre socios e socias buscando as datas máis acaídas para a organización do importante evento que convoca a especialistas en estudos galegos de todo o mundo.
A Asociación organizou os seus tres primeiros congresos nos Estados Unidos. Pasaría logo a Europa ao escoller Reino Unido e Alemaña como sedes. Habana e Bahia serían citas relevantes do encontro de especialistas en estudos galegos en Latinoamérica e Barcelona, a única sede estatal do congreso, cando asume a presidencia Basilio Losada. En 2009, o Congreso desenvolveuse por única vez na Galiza, con sedes na Universidade da Coruña, Santiago e Vigo.
Desta volta, a presidencia de Débora Campos, profesora na Universidade de Bos Aires e coñecida xornalista e dinamizadora dos estudos arredor de Galiza e a cultura da emigración e o exilio debeu pesar á hora de inclinar a balanza cara a capital arxentina. Ámbito de desenvolvemento dunha parte relevante da cultura galega creada por tantas persoas que tiveron no país americano o seu destino.
O traballo de investigación arredor dos estudos galegos desenvolvidos nos Estados Unidos con especialistas como Kathleen March ou González-Millán está na orixe da asociación que logo se expandiu a través dos Centros de Estudos Galegos máis os lectorados que existen ao longo do mundo.”