Bases do X Certame de Narrativa Rosa Reboredo

“Co fin de honrar a memoria de Rosa Reboredo Civeira e asemade seguir no labor de consolidación da nosa cultura e a promoción da nosa lingua, a A. C. G. Rosalía de Castro de Cornellà convoca o Certame de Narrativa Rosa Reboredo, mantendo viva a chama dun labor honesto e impagable a prol da colectividade galega de Catalunya desde as súas responsabilidades como cargo institucional da Generalitat de Catalunya e como membro da xunta Directiva da nosa entidade. Rosa Reboredo distinguiuse por traballar pola integración da galeguidade nesta terra de adopción que é Catalunya, e impulsou o espallamento das culturas galega e catalá nestas dúas terras, salientando sempre os principios éticos, valores humanos e o civismo á hora de expresar o que é a nosa idiosincrasia.
Dotado con CINCO CENTOS EUROS, convocamos a X edición do CERTAME DE NARRATIVA ROSA REBOREDO CIVEIRA (2013) de acordo coas seguintes bases:

1.- Poderá concorrer ao certame calquera persoa, sen limitación de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos nas linguas, Galego ou Catalán, linguas obxecto de promoción deste certame, reservándose a entidade convócante os dereitos de edición dos traballos presentados. Os orixinais (narración ou conxunto de narracións) deberán ser inéditos. A extensión debe estar comprendida entre as DÚAS e SETE páxinas (en A4, a dobre espacio, mecanografado en letra de corpo tamaño 12).
2.- A temática dos traballos deberá estar enfocada a achegar á sociedade os valores humanos máis exemplares, ofrecer á xuventude modelos de civismo, solidariedade, convivencia e respecto polos demais e polo medio ambiente. A literatura debe contribuír á formación responsable dos nosos fillos e a mellorar a nosa sociedade.
3.- De cada orixinal deberán presentarse CINCO copias sen encadernación nin grampa, antes do 15 de outubro de 2013, remitíndoos ó enderezo da A. C. G. Rosalía de Castro, Rúa Federico Soler, 71, 08940, Cornellà de Llobregat, Barcelona.
4.- Os orixinais irán precedidos de título ou lema sempre baixo pseudónimo. Nun sobre pechado (plica) irán os datos reais relativos ao texto e ao autor (título real, nome completo do autor, DNI, teléfono, enderezo e mail), indicando no exterior do sobre X CERTAME DE NARRATIVA ROSA REBOREDO.
5.- O xurado estará composto por persoeiros salientables da creación e da crítica e será nomeado pola organización. A decisión do xurado será inapelable e darémola a coñecer durante as Xornadas Culturais que se celebran anualmente polo Outono. O xurado poderá declarar o premio deserto se o estima conveniente.
6.- A entidade convocante resérvase os dereitos de publicación e tradución dos orixinais presentados no medio e formato que estime oportuno, sen límite de exemplares nin de edicións, permitindo ao autor calquera outra posible edición posterior baixo acordo e comunicación expresa coa entidade convocante, citando sempre o certame e a entidade.
A participación neste CERTAME significa a completa aceptación das presentes bases e tamén das decisións do xurado designado. Non se devolverán os orixinais.”