Compostela: conferencias no ciclo Escrita(s) 2013, o venres 11 de outubro

O ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, terá lugar en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o venres 11 de outubro:

18:00 h. A sentimental odyssey, por Ilaria Mallozzi. Unha odisea sentimental conecta co moi debatido termo literario “sentimental” e o arquetipo de todas a viaxes, o segundo poema épico de Homero, a Odisea. De igual xeito que o protagonista de Unha viaxe sentimental Yorick, Ulises pode protexerse de todos os perigos grazas aos seus benevolentes encontros femininos, enganos e brincadeiras. Esta perspectiva permitiríame o cruzamento entre os aspectos ulisenianos de Yorick coa tradución de Ugo Foscolo, Viaggio sentimentale (1813), así como explorar os intereses de Foscolo na tradición literaria italiana (neste caso principalmente representada por Dante e Petrarca) desde o encadre sentimental de Petrarca ofrecido por Sterne.
20:30 h. A forza de traballo: as maneiras da exclusión, por Lucía Castro. Atopámonos aquí nun marco. Deses de madeira que van sendo laboriosamente tallados. O traveseiro empeza marcando unha ruta, na que as figuriñas que se suceden resultan ter cada vez máis relevo. Afondan nos sucos da madeira grazas a unha precisión e habelencia no manexo do cicel que se foi adquirindo co tempo, a forza de traballar o material. Mais esa profundidade do marco vai facendo paseniñamente máis infranqueábel o espazo entre o que deixa fóra e o que fica dentro. Este marco comezou a tallarse cando a Platón e a Aristóteles se lles deu por enmarcar nel -e así facer comprensíbel- esa phýsis da que tanto se falaba daquela entre os sabios. O traballo nunca máis deixou de ser un marco de comprensión no mundo occidental, até o mesmo capitalismo da actualidade. No traballo enmarcamos e enmárcanse as nosas vidas, que dificilmente escapan hoxe a ser concibidas como cuantificábeis forzas de traballo. Pero canto máis fondo é o relevo, máis inhabitábel é o marco, máis pobre o que fai comprensíbel e máis alleo o excluído. Até non poder senón desmarcármonos…