Parlamento das Letras: Rebeca Baceiredo

Entrevista de Armando Requeixo a Rebeca Baceiredo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rebeca Baceiredo (RB): A resposta que podo dar é pura impresión… Coido que, a pesar do claro ataque contracultural por parte de institucións fascistas (e entendo por fascismo, simplificando, a anulación da diferenza), nalgúns casos estase a conseguir unha relación coa linguaxe cada vez máis elegante, por profunda e libre. Ben, isto é algo que me interesa a min, concretamente, nada máis.
O que penso que sobran son egos, en xeral, en todos lados, dentro e fóra, da literatura e de nós mesmxs. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RB: Do presente literario galego penso (o mesmo que da dimensión cultural xeral): os circuítos de poder (dende fóra, coas seleccións editoriais mimetizando as pautas do centro do sistema; dende dentro, cos propios micropoderes) asolagan a creación de formas-contidos que xeran, de verdade, diferenza. Por unha banda, no que sería a dimensión artística, entendo que esa apertura a novos terreos é o seu cometido; e en tanto que cultura, como acervo de instrumentos conceptuais, tampouco se ten que quedar nesa recompilación, senón que terían que ser empregados, estes instrumentos, para crear outras cousas, para seguir camiñando.”