Manuel Veiga: “O bo escritor é aquel que, como o bo cociñeiro, sabe mesturar o conxunto nas doses adecuadas”

Entrevista a Manuel Veiga en Tempo de lecer Ourense:
“(…) – Tempo de lecer Ourense (TlO): Presenta na Livraría Torga a novela titulada: Os xornalístas utópicos. Que nos pode contar desta obra -en canto ao seu argumento, personaxes…-?
– Manuel Veiga (MV): É un libro que comeza en 1977, coincidindo coas primeiras eleccións democráticas e remata no 2007-2008, ao pe da crise. Ten diversos escenarios: Madrid, Vigo, Monforte, un pequeno concello de Ourense, San Francisco, Porto. E ten un personaxe central, Obdulio Somoza, que é xornalista. Pódese dicir que se trata dunha autobiografía cunha parte imaxinada, incluso se podería dicir que é a memoria dunha xeración, e, por último, é unha sorte de historia dos últimos trinta anos. Isto último quizais resulta moi oportuno agora que parece que a crise nos está facendo entrar nunha nova fase. (…)
– TlO: Ademais de escritor, vostede é tamén xornalista. Aplica tamén este concepto ao seu traballo e/ou maneira de ver o mundo?
– MV: A túa profesión sempre determina en gran medida a túa forma de ser e de pensar, queiras ou non. Tamén son sociólogo de formación e iso tamén inflúe. Aínda que quixese disimulalo non podería. A novela, trate do que trate, sempre deixa transparentar o carácter e a formación do autor. É algo parecido a un confesionario. O xornalista é un observador e o novelista necesita observar moito, aínda que non tanto en extensión como en profundidade. Tamén é importante a claridade á hora de escribir. O xornalista necesita ser claro e preciso. Eu cando escribo novelas tamén procuro ser claro e preciso e penso que o lector o agradece. A literatura é a arte do concreto. Se te pos abstracto fas filosofía e ademais corres o risco de aburrir. (…)”