Santiago Cortegoso gaña o III Premio de Teatro MOME Varela Buxán

“Unha vez lidos os orixinais presentados ao III Premio de Teatro MOME Varela Buxán o xurado, composto polos directores de escena Marta Pazos e Xúlio Lago e o dramaturgo e director da Aula de Teatro Universitaria de Santiago de Compostela, Roberto Salgueiro; acordou por unanimidade, conceder o premio de teatro á obra presentada baixo o lema Smoke on the water, que unha vez aberta a plica correspóndese coa obra Smoke on the water da autoría de Santiago Cortegoso Calvar. (…)
En opinión do xurado, os motivos da concesión do premio son os que se enumeran a continuación:
– A excelente arquitectura da peza onde os personaxes aparecen conformados a partir dun complexo mundo interior.
– Os diálogos están desenvolvidos con precisión e constitúen unha axustada reloxería dramática.
– O rico universo temático que plantexa o autor a partir do concepto da dependencia, que pon en relación con ámbitos como a droga, o sexo, o amor, a enfermidade, as relacións familiares, os recursos económicos…; para realizar unha visión crítica do presente, poñéndoa en relación co fracaso dun idealismo pasado.
A entrega do premio terá lugar nas próximas semanas.”