A singular presentación de María Reimóndez: tres editores para unha autora

Desde Sermos Galiza:
“O acto de presentación dos tres novos títulos de María Reimóndez na libraría Lila de Lilith a última hora do xoves día 17 era inusual por varias razóns. A primeira porque hai máis de unha década que a escritora non ofrecía un novo título de poesía. A segunda porque, en tempos de seca editorial do xénero, non é nada habitual que unha autora publique varios poemarios dun golpe. A terceira, porque a Reimóndez convocaba nun mesmo acto aos seus editores, Fran Alonso de Xerais (que non puido asistir por causa persoal urxente), Francisco Macías de Positivas e Cibrán Rico e Suso Vázquez de Fabulatorio. (…) No acto participou tamén a escritora Susana Sánchez Arins, escritora e compañeira da web de crítica feminista A Sega.
Como adoita facer nos actos de presentación, María Reimóndez entregou ás persoas asistentes unha sorte de avión en papel a cores encartado, con multitude de dobreces nos que se agochaba un texto escrito para a ocasión e titulado As leis da física. “Mais nesa biodiversidade, estes tres textos parten do mesmo fluído. Neles, o espazo e o tempo conviven para conformar o político. Ás veces os espazos son a cidade que abrín e atopei follas en branco e páxinas rachadas. Outras veces intentei poñerlles nome pero ningún me chega. E outras herdo unha cidade que agora debo habitar de novo, erixir unha arquitectura na que as rúas me pertenzan, non só as lembranzas” escribe María nese texto que é, en certa medida, unha particular “autopoética” da autora.
“Unha pensaría que en dez anos a cousa ía mellorar algo, mais esperta co aumento do capitalismo, a anestesia social, o recorte das posibilidades, a televisión idiotizadora, a falta de personalidade colectiva e uns ideais de muller cada vez máis raquíticos onde ter as tetas pequenas provoca traumas psicolóxicos da dimensión dun ataque terrorista e onde un ten basicamente para escoller entre belén esteban maria dolores de cospedal e lady gaga” escribe a autora no texto entregado o xoves ao público que encheu a Lila de Lilith para a singular presentación triple. “Poesía é a carraxe dunha pedra contida na palabra fronte unha carga policial. E con ela tecéndonos non hai lei da física que poda rexernos máis”, remata a autora no seu, este inédito, texto.”