Parlamento das Letras: Manuel Portas

Entrevista de Armando Requeixo a Manuel Portas no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Manuel Portas (MP): Fáltalles promoción e internacionalización. Se por exemplo encargásemos un estudo de mercado para unha empresa do sector da transformación da madeira, diríanos con toda seguridade que temos unha materia prima magnífica e unha manufacturación moi boa, mais que cumpriría promocionar adecuadamente os móbeis que fabrica no mercado interno e tentar abrir o produto a novos mercados no ámbito internacional. Pois ben, a promoción interna da nosa cultura está sendo esganada, porque a literatura na lingua propia é vista como potencialmente sediciosa, en calquera caso perigosa, polos poderes políticos e económicos. Mellor asfixiala e ocultala, reducila aos cenáculos galeguistas, ás covas céltigas, ás aulas de lingua e aos discursos pomposos nos Días das Letras. Mesmo prefiren promocionar os aparadores e os dormitorios feitos noutras latitudes, por moito que só teñan calidade fimapán. E, no que respecta á procura de mercados externos, seguimos considerando os países de expresión portuguesa -parafraseando a Castelao- como máis estranxeiros que os de Madrid. Por outro lado, a política de tradución das nosas obras carece de apoios e convértese en algo excepcional, sen canles estábeis que permitan a súa perduración no tempo. Con este panorama, o sector cultural en xeral, e o da literatura en particular, mantense en pé cunha teimosía propia dos resistentes do Medulio, ou da aldea gala de Asterix e Obelix, se o queremos ver cun pouco máis de humor. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MP: Creo que o momento creativo é magnífico, multicolor, cunha polifonía de xéneros e de voces e cunha calidade similar á que podemos achar en calquera dos mundos culturais da nosa contorna. Niso non somos nin mellores nin peores que os demais. Na parte negativa, quizá a delicada situación económica pola que atravesan as estruturas que traballan o produto literario.