Entrevista de Alberto Ramos a Manuel Gago e Manel Cráneo en Praza:
“Entre a divulgación, a historia e fantasía móvense Manuel Gago e Manel Cráneo no seu novo proxecto conxunto. Trátase de Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Galicia, un libro editado por Xerais no que os dous autores botan a vista atrás, até a Idade de Ferro. Gago levaba máis de vinte anos madurando a idea deste libro no seu caletre, unha idea que buscaba deitar luz sobre unha parte da cultura do país esquecida por todos ou case todos: os deuses da idade do ferro. Nesta obra. Gago descríbenos as dez deidades máis espalladas polo territorio e Manel Cráneo acompáñao na aventura cun feixe de ilustracións que procuran dar corpo a estes deuses e, tamén, recrear a época en que divinidades como Reve, Nauia ou Berobreos gobernaban o particular panteón da época neste recanto de Europa. Vento e Chuvia móvese nestas coordenadas, mais é moito máis ca un libro, é un proxecto que vai máis aló da palabra escrita nun libro. No web Vento e Chuvia ofréceselles aos lectores unha morea de contidos diferentes, dende making off, roteiros, mapas, gráficas até historias diferentes ás que veñen no libro. (…)
– Praza (P): Cantos deuses temos aquí?
– Manuel Gago (MG): En total, son dez: Reue, Bandua, Nauia, Cossue, Lugoue, Berobreos, Poemana, Bormanico, as Sulas Nantugaicas e o Vestio Alonieco.
– P: Por que eses e non outros?
– MG: Porque son os deuses máis estendidos. O Reve estivo moi espallado, Nauia estivo moi estendida tamén e Cossue, tamén. Eran os deuses máis implantados nos territorios de Gallaecia. E despois, hai outra cuestión interesante da que hai que falar: en Gallaecia está o 70% dos teónimos da península. Que se agocha detrás disto? Son deuses diferentes ou os nomes diferentes do mesmo deus? Son as dúbidas que trae Marco García Quintela no libro. En todo caso, estes dez son os máis estendidos na antigüidade. (…)”