O Fogar das Palabras: un novo espazo para os xéneros fantásticos en galego

Desde Praza:
“As historias de ciencia ficción, fantasía, steampunk e demais xéneros do mundo fantástico, teñen unha nova rampla de lanzamento. A libraría-taller O Fogar das Palabras en Santiago de Compostela abre outra vía de achegamento aos xéneros que van máis alá da simple ficción. Pero ademais, este espazo ofrecerá talleres de creación, de autoedición e mesmo unha plataforma para quen queira iniciarse na creación literaria desde os xéneros que tratarán os dous responsables do proxecto: Fernando Cimadevila e David Cortizo. Falamos con eles para que nos expliquen algo máis sobre esta iniciativa.
– Praza: Que é este lugar, O Fogar das Palabras?
– Fernando Cimadevila (FC): Pois podemos dicir que é unha mestura entre libraría e taller literario. Nós somos, antes que libreiros, editores. David é editor de Urco Editora e eu de Contos Estraños. Por iso decidimos crear un lugar onde poder levar adiante o noso labor como editores e ao mesmo tempo achegar aos lectores, aos autores e a aqueles que queren entrar no mundo literario, unha ferramenta para entrar neste mundo, a través dos talleres e a autoedición que ofertamos grazas ao selo propio que temos que é O Fogar das Palabras. (…)
– P: Hai elementos propios na ciencia ficción galega e a fantasía galega?
– David Cortizo (DC): Na ciencia ficción non, na fantasía ao mellor si polo substrato céltico e no terror o que xa comentaba Fernando, o agro-terror.
– FC: Outro punto sería a ambientación. En vez e ambientar as historias en Gran Bretaña, ambientalas en Galicia xa lles dá un punto distintivo.
– DC: Agustín Fernández Paz ten unha novela fantástica na que aparecen elementos como meigas e personaxes da mitoloxía galega.
– FC: En tal caso o importante é que se escriban cousas. (…)”