A Asociación Galega de Editores manifesta a súa preocupación e disconformidade cos orzamentos para o libro do ano 2014

Desde a Asociación Galega de Editores:
“A xunta directiva da AGE, entidade que representa ao 85% da edición profesional galega, reunida en sesión ordinaria o 25 de novembro, amosa a súa preocupación e clara disconformidade coas partidas orzamentarias recollidas no Proxecto de Lei Orzamentaria do ano 2014 da Xunta de Galicia, pois segundo o citado documento haberá 440.000 euros menos para o libro o próximo ano. Esta cantidade vén a sumarse aos 250.000 euros da desaparecida orde de axudas á edición de grandes obras, que xa experimentara unha reducción acumulada do 75% dende o ano 2010, así como aos recortes que se veñen realizando, en cada un dos exercicios económicos, ás axudas á tradución, edición de materiais curriculares e adquisición de fondos de libros en galego para as bibliotecas públicas.
A axuda para a tradución de obras do galego e para o galegos, incorporada na partida 32A 770.0 baixo o epígrafe Apoio e promoción do libro en galego, vén de sufrir un recorte de 100.000 euros. O mesmo acontece coa partida destinada a dotar ás bibliotecas públicas de fondos bibliográficos en galego, reducida nun 60% no ano 2010, recúrtase noutros 71.540 euros. Outro tanto ocorre coa axuda para a edición de materiais curriculares en galego, que xa sufrira unha drástica reducción do 50%, e que vén de experimentar un novo e trascendental recurte de 100.000 euros, deixando a publicación de materiais curriculares en lingua galega sen apoio institucional, a pesar da renovación dos materiais didáticos de tres cursos de Educación Primaria, prevista no calendario de implantación da LOMCE.
Mentres se recorta en partidas trascendentais para apoiar á cultura do país, outras intrascendentes para a promoción e o coidado da produción cultural, manteñen o seu orzamento inalterabel dende hai máis de catro anos. Os editores galegos solicitan un cambio nas políticas culturais e un apoio explícito á edición, como sector estratéxico da cultura de Galicia.”