O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro

Entrevista de Nacho Alonso a Francisco Castro en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Dous anos despois da publicación dese libro [In vino veritas] retoma o xénero neste O corazón da Branca de Neve.
– Francisco Castro (FC): Expresaba Walt Whitman: “Contradígome! Si, contradígome!” (risos). Cando aseguraba que non volvería escribir este tipo de novela estaba totalmente convencido diso, pero O corazón da Branca de Neve naceu pegada –e non o oculto- ao premio de novela por entregas do xornal La Voz de Galicia. Por mor das características dese premio, onde case que tes a obriga de manter intrigado ao lector ao longo de trinta e un capítulos, a escrita que mellor lle acae a ese xénero seguramente sexa a novela negra.
E aparte do propio premio, estaba o personaxe do inspector Hermida, que levaba tempo roldándome polo meu maxín. Hermida trátase dun policía entrañable, real, que o lector pode identificalo doadamente… Da conxunción de todo iso que acabo de comentar naceu O corazón da Branca de Neve. Polo tanto, desdíxome do dito hai dous anos. E aínda digo máis… O inspector Hermida terá continuidade en futuras novelas.
– FL: Con esta novela acadou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Unha das características dese certame é a estrutura que ha de ter a novela: trinta e un capítulos de 3.500 caracteres cada un deles. Foille un reto cinguirse a unha estrutura tan ríxida?
– FC: Eu sentíame, á hora de escribir O corazón da Branca de Neve, como eses operarios que fan albanelería fina. Foi un reto, a verdade. O meu obxectivo era cumprir formalmente cos 3.500 caracteres por capítulo establecidos nas bases do premio; de feito, os trinta e un capítulos do libro teñen exactamente eses 3.500 caracteres, nin un arriba nin un abaixo.
Cando tes que facer unha novela cunha estrutura tan ríxida sempre está a tentación de non complicarte e darlle á historia unha estrutura clásica: presentación, nó e desenlace. Porén, eu quería ofrecer ao lector, a pesar do formato tan ríxido, unha novela coral, onde apareceran varios personaxes con cadansúa historia, non só a pesquisa de Hermida.
Iso axudoume a introducir unha denuncia sobre varias cousas, como o feminicidio de xénero que estereotipa ás rapazas a ter un corpo determinado ou unha crítica social sobre as mulleres ás que lles rouban os bebés.
Ao final, se vas sumando cousas, os retos eran moitos. Debía cumprir cos caracteres por capítulo, estaba a necesidade de manter a intriga ao longo do mes no que se publicou a novela en La Voz de Galicia e, por suposto, estaba o reto literario.
– FL: En O corazón da Branca de Neve vostede abarca un tema que está de fonda actualidade, como é o roubo de meniños para entregalos a familias que non poden ter descendencia. É doado ficcionar a realidade?
– FC: Aínda que soe a tópico coido que a novela negra ten a obriga de estar pegada á realidade, ha de retratar a época na que vive. O escritor Dashiell Hammett debuxaba nas súas novelas aquela América de finais dos 40 e comezos dos 50. Aos que facemos novela negra hoxe tócanos reflectir o que está a acontecer na actualidade. Polo tanto, no meu caso, non foi difícil. (…)”