Cuestionario Proust: Mercedes Queixas

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Mercedes Queixas:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A observación para a reflexión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia, a honestidade e a seguridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– O respecto polas diferenzas.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade e a autoesixencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Dar aulas, ler e escribir, ademais de reencontrarme ao redor dunha mesa coa familia e coas amizades.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pensar que é tan real que pode acompañarnos por momentos ou ausentarse de cando en vez.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Verme na obriga de renunciar aos meus principios ou asistir á quebra da lei de vida.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha persoa útil aos seres próximos e á sociedade.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, no meu, no que vivo e co que me identifico, aínda que ás veces me custe comprendelo.
10.– A súa cor favorita?
– Fico co lila, o branco e o negro.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A mimosa.
12.– O paxaro que prefire?
– A lavandeira esvelta e sempre de andar elegante.
13.– A súa devoción na prosa?
– Contar o que sempre se silenciou.
14.– E na poesía?
– Revolver o corpo para renovar as emocións.
15. Un libro?
Memorias dun neno labrego, por ser o primeiro que lin en galego de nena e porque me descubriu que esta lingua tamén se podía escribir.
16.– Un heroe de ficción?
– Non reparo en heroes, prefiro as imperfeccións da realidade.
17.– Unha heroína?
– Tampouco reparo en heroínas mediáticas, senón nas reais que loitan por sobreviviren ao silenciamento e á invisibilidade.
18.– A súa música favorita?
– Teño gustos musicais moi eclécticos. Dependendo do momento e do estado de ánimo, podo procurar unha sonata de Mozart, a forza rockeira de Tina Turner ou The Boss, algunha escolma dos clásicos do jazz que con bo criterio me descubre meu irmán músico, os sons máis próximos de Aline Frazão e Mariza ou as voces cálidas da casa coas de Guadi Galego e Xabier Díaz.
19.– Na pintura?
– Maruxa Mallo e Urbano Lugrís.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas que, desde o anonimato e acreditando no compromiso colectivo, contribúen para o avance e a mellora do benestar social.
21.– O seu nome favorito?
– Andrea e Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A capacidade para mentir intencionadamente e con intereses espurios.
23.– O que máis odia?
– O conformismo, a resignación e o autoritarismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de todos os ditadores do mundo.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A música e a pintura.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– En paz comigo mesma e sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Reilusionándome sempre.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– As escusas do alumnado.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”