Convocados os XXIII Premios Irmandade do Libro

A Federación de Librarías de Galicia convoca os XXIII Premios Irmandade do Libro, cos que a organización libreira de Galicia quere render homenaxe aos que durante o ano 2013 destacaron no seu traballo para que o libro e a lectura segan a ter un presente activo e un futuro determinante para a sociedade galega.

Os premios convócanse nas seguintes modalidades:
Centros de Ensino.
Librarías.
Fomento da Lectura.
Libro do Ano, Libro Infantil e Xuvenil do Ano, Obra Editorial.
Autor – Autora.

A entrega de premios será na localidade coruñesa de Rianxo o día 5 de abril.

BASES DA MODALIDADE DE LIBRO DO ANO 2013, LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2013 E OBRA EDITORIAL

LIBRO DO ANO 2013
Este apartado da modalidade ten por obxecto distinguir un libro, dirixido ao público adulto, escrito preferentemente en lingua galega e distribuído nas librarías de Galicia durante o ano 2013, que pola calidade e interese do seu contido e pola acollida, tanto da crítica como do público lector, teña acadado especial relevancia na nosa sociedade.
LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2013
Nesta modalidade, valorarase e premiarase un libro dirixido ao público infantil e xuvenil, escrito preferentemente en lingua galega e distribuído en Galicia durante o ano 2013 que polo seu valor literario, polo interese do seu contido, pola calidade das ilustracións (no seu caso) e pola potenciación de valores necesarios para o desenvolvemento persoal dos lectores, resulte relevante.
OBRA EDITORIAL
Neste apartado quere premiarse a calidade técnica e material dunha publicación, o esforzo editorial, o aporte documental e gráfico e o carácter innovador dunha obra ou dunha serie de obras que teñan un especial significado no panorama cultural e social galego.

Poderán participar en calquera dos tres apartados todas as editoriais galegas cos libros dos seus fondos e aqueloutras que, sen pertencer á nosa comunidade, teñan obras de especial interese para a sociedade galega.
As Agrupacións de Librarías pertencentes á Federación de Librarías de Galicia poderán presentar propostas nos mesmos termos que as editoriais.
Os interesados na participación, deberán documentar as mesmas e enviar dous exemplares dos libros propostos, antes do día 7 de marzo de 2014 á Federación de Librarías de Galicia (Rúa República de El Salvador, 28 entrechán B. 15701 Santiago de Compostela) facendo constar no paquete XXIII Premios Irmandade do Libro.
Os libros quedarán de propiedade da organización, agás petición expresa en contra por parte da editorial.
As editoriais autoras da edición das obras gañadoras, recibirán unha figura alegórica de bronce, deseño exclusivo do artista lucense Ismael López Fernández, realizada nos talleres Artebronce, de Goián e unha campaña dos libreiros asociados para a divulgación dos libros gañadores en todas as librarías pertencentes á Federación de Librarías de Galicia. O acto terá lugar en Rianxo, o día 5 de abril de 2014.
O xurado, presidido polo titular da Federación de Librarías que terá voto de calidade, estará formado por un escritor ou escritora en lingua galega. Un profesor ou profesora de lingua e literatura galega. Un bibliotecario ou bibliotecaria. Un representante da Xunta de Galicia. Un libreiro ou libreira, membro da Federación de Librarías. Actuará como secretario, con voz e voto o secretario da Federación de Librarías de Galicia.”

BASES DA MODALIDADE DE AUTOR/A

“Ten por obxecto premiar o labor profesional realizada a prol do libro e da lectura no ano 2013 por parte das librarías galegas pertencentes á Federación de Librarías de Galicia.
Os interesados deberán enviar unha memoria explicativa da proposta na que se destaquen os méritos da candidatura e, sobre todo, a súa actividade profesional e a súa participación na promoción e difusión do libro e a lectura, a incorporación e utilización de novas tecnoloxías ao servizo do libro, da lectura e da cultura en xeral no contorno no que desenvolve o seu traballo, así como as súas achegas á defensa solidaria dos intereses do colectivo de libreiros e do seu prestixio profesional.
As propostas das candidaturas, poderán ser presentadas pola libraría interesada, por outra libraría ou colectivo de libreiros, polas Agrupacións de Libreiros pertencentes á Federación de Librarías de Galicia e pola propia Federación.
As propostas deberán presentarse na Federación de Librarías de Galicia (República de El Salvador, 28 entrechán B. 15701 Santiago de Compostela) antes do 7 de marzo de 2014. Poderán enviarse por correo postal, fax (981599958) ou correo electrónico (libreiros@librarías.org).
O gañador recibirá unha figura alegórica de bronce, deseño exclusivo para os Premios Irmandade do Libro, do artista lucense Ismael López Fernández e realizada nos talleres Artebronce de Goián, que será entregada no transcurso dun acto que se celebrará en Rianxo, o 5 de abril de 2014.
O xurado estará formado polas seguintes persoas: O presidente da Federación de Librarías de Galicia que presidirá o xurado con voto de calidade. Un escritor ou escritora en lingua galega. Un profesor ou profesora de lingua e literatura galega. Un representante da Xunta de Galicia. Un bibliotecario ou bibliotecaria. Un libreiro ou libreira, pertencente á Federación de Librarías. Actuará como secretario, con voz e voto, o secretario da Federación de Librarías de Galicia.
A participación no certame implica a plena aceptación das bases.”