Raúl Dans: “O verdadeiramente tráxico sería deixar de intentar unha e outra vez que todo funcione”

Entrevista de Montse Dopico a Raúl Dans no Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como en Chegamos despois a unha terra gris, en Unha corrente salvaxe hai unha relación construída desde a mentira e un segredo que se quere agochar. Volves a vellos temas, mais algo mudou no xeito de contalos, non si?
– Raúl Dans (RD): Todos agochamos algo, todos temos segredos. Todos temos unha face escura que non queremos que ninguén vexa, que nin sequera nós queremos ver. Pero ás veces sucede que esa face oculta acaba facéndose visible. Esa é a idea de inicio de Unha corrente salvaxe. Con esta obra quixen explorar ese momento, o momento no que se ilumina a zona de sombra dun ser humano sobre o que pensabas que o sabías todo e cambia a perspectiva que adoptaras para observalo e xulgar os seus actos.
Supoño que si, que os temas son os de sempre: a forza do destino, o fracaso, a procura da felicidade… Pero aquí quería sobre todo contar unha historia que enganchase, e que todas esas reflexións e todos ese temas quedasen nun segundo plano. Sempre tento facelo así, por outra banda. Gústame que o discurso e o pensamento queden diluídos na trama, procuro ser o máis sutil que podo nese aspecto. (…)
– MD: Un mosquito de nome Henri é, contas no propio libro, unha promesa que lles fixeras ás túas fillas… hai anos. Como foi enfrontarse a unha historia para público infantil?
– RD: Non foi unha promesa exactamente. Eu nunca expresei cando eran pequenas esa vontade de escribirlles algo para elas. Pero leslles contos todas as noites e ves canto lles gustan esas historias de outros. E sentes algo de envexa. Como escritor, quererías ser ti quen enchese por completo eses momentos felices, non ter que compartilos con outra persoa, co tipo que escribiu o conto que lles estás a ler. Resulta un pouco doloroso que as túas fillas citen a Roddy Doyle e a Roald Dahl como os escritores da súa infancia, en lugar de citarte a ti. Hai uns anos presentóuseme a oportunidade de cambiar esa situación. Carlota e Ángela eran xa mozas. O caso é que unha tarde a miña filla Ángela lle puxo nome a un mosquito que andaba sobrevoando as nosas cabezas, e empezamos os tres a tirar do fío. E logo retáronme a que escribise toda a historia dese mosquito de nome Henri. Foi unha experiencia moi divertida. (…)”