Mercedes Leobalde: “A linguaxe xurídica e a poesía erótica son como auga e aceite, pero caben no mesmo vaso”

Entrevista a Mercedes Leobalde en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Animácheste a te presentar a concursos e a publicar após participar en dous obradoiros con Antía Otero. O libro arrinca cunha dedicatoria: “Á miña xente, a que me impulsa”. É cousa miña ou Chamádeme Eva ten detrás un exercicio de empoderamento da súa autora?
– Mercedes Leobalde: O poemario leva unha dedicatoria colectiva porque me sentía en débeda con moitas persoas, en particular con esas que che infunden confianza e che poñen unhas grandes ás nos pés, nunca lastre.
Por iso ao dicir “a miña xente” non falaba de lazos familiares nin de amizade. Ou non só. Falaba de apoio. Sobre se foi un exercicio de empoderamento… non o creo. Empoderamento constrúese sobre o substantivo poder e iso pouco ten que ver propiamente coa publicación dun libro, non?
O libro xurdiu como un pequeno reto persoal, xa che digo, foi propoñerse dar ese salto, e con escribilo xa me tería sentido satisfeita. O que si é certo é que o feito de recibir un premio e ver a túa obra publicada implica un certo recoñecemento social que quizais si se toque nalgún punto co empoderamento que mencionas. (…)”