Ignacio Vidal Portabales: “No eido literario a esixencia de corrección política é moi fácil confundila coa censura”

Entrevista de Montse Dopico a Ignacio Vidal Portabales, en Magazine Cultural Galego:
“Un grupo de homes desnortados, sen nada xa que perder, deciden seguir as ensinanzas doutro home aínda máis desafiuzado ca eles, que vive nun tonel como Dióxenes, o filósofo grego. Así comeza Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal Portabales, a novela gañadora do XXX Premio Blanco Amor, editada por Xerais. Incapaces de xestionar os conflitos que xurdiran nas súas vidas de parella, os protagonistas procuran acubillo no propio grupo, no que tratan de exorcizar as súas frustracións. Escolleran, para iso, un camiño antisocial. Que os revela como seres, moitas veces, repulsivos. Falamos con Vidal deste libro, que desorientou a crítica co machismo do discurso dos personaxes.
– Montse Dopico: Aínda que esta é a túa primeira obra de ficción publicada, supoño que entre textos académicos algo terías escrito antes. É así? Por que non publicaches narrativa ata agora?
– Ignacio Vidal Portabales: A dicir verdade, non é o meu primeiro premio, pois na miña mocidade —onde vai!— gañei algúns premios de poesía; un certo pudor impídeme mencionalos, porque eu síntome, basicamente, coma un aprendiz. Logo, as miñas ocupacións profesionais leváronme por outros camiños, aínda que sempre tiven a tentación de recuperar as miñas afeccións literarias. Nos últimos anos, cando xa os meus fillos non demandaban tanta atención, decidín concentrar os meus esforzos na narrativa. Teño algúns traballos no caixón e vou, pouco a pouco, traballando neles, coa esperanza de publicalos algún día. Pero se non sucede, non vou quedar frustrado. (…)”