Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Luís Valle:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A paciencia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honradez.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Agardar, nada en concreto.
4.– A súa principal eiva?
– Teño moitas, a inconstancia, o egoísmo, o abatemento…
5.– A súa ocupación favorita?
– Procurar a poesía.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ver felices aos outros.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a memoria e a conciencia dun mesmo.
8.– Que lle gustaría ser?
– En sentido estrito, non teño vocacións. No referente ao traballo ensináronme a valorar máis o ‘como se fai’ que o ‘que se é’.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– O negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A orquídea.
12.– O paxaro que prefire?
– Por razóns distintas, o merlo e o paporroibo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Juan Rulfo.
14.– E na poesía?
– Paul Celan.
15.– Un libro?
– Vou dicir tres, King Lear, À la recherche du temps perdu e Cómaros verdes.
16.– Un heroe de ficción?
– Gilgamesh.
17.– Unha heroína?
– Cordelia.
18.– A súa música favorita?
– O Rock and roll.
19.– Na pintura?
– Claudio de Lorena.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os meus pais.
21.– O seu nome favorito?
– Un hidrónimo, Azúmara.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Non aturo aos murmuradores, aos que falan da vida dos máis á lixeira, dun xeito morboso ou mesquiño.
23.– O que máis odia?
– Amólame a inxustiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O arquetipo do ditador ou do tirano, chámese como se chame.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Admiro os feitos que, excepcionalmente, lograron evitar a guerra.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A beleza.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor e amando.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– De moderada infelicidade, pero optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles froito das conviccións cívicas.
30.– Un lema na súa vida?
– Citando a Extremoduro: ‘¡Ama, ama…, y ensancha el alma!’.”