Ramón Nicolás: “Identidade fronte unha guerra sen bombas. Conversa con Mario Regueira”

Entrevista de Ramón Nicolás a Mario Regueira en Qué leer, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Transitan con frecuencia na súa obra as clases sociais menos favorecidas e nunca faltan reflexións sobre as identidades… Por que?
– Mario Regueira (MR): En Galicia a cuestión identitaria é un debate recorrente, algo que no meu caso se suma ao feito de proceder dunha cultura de traballadores de estaleiro nunha bisbarra (Ferrolterra) en crise permanente e infinita. No meu contexto vital, a clase traballadora foi sempre a protagonista, mesmo a pesar das veces que se pretendeu borrala da historia, unha lectura que creo que pode ser extensible a outros escenarios e máis nestes tempos.
– RN: No seu último libro poético O silencio (2012) rastréxase unha preocupación por analizar o discurso da guerra e a violencia…
– MR: Algún día recordaremos estes tempos de crise económica como os nosos avós lembraban o panorama devastado da posguerra, aínda que non vísemos caer ningunha bomba. O silencio está construído sobre esa idea, as imaxes bélicas que o poboan tratan de destapar esa guerra de exterminio sen bombas que sofre hoxe unha parte da sociedade.
– RN: Como crítico literario, cal é a súa valoración do noso panorama literario?
– MR: A literatura galega vive moi mediatizada polo seu propio contexto político, así que a situación global nos últimos anos é claramente negativa. Non obstante, os tempos de carestía son sempre un reto á creatividade e nese sentido, os nosos creadores responderon sempre a un alto nivel.”