Desde Praza:
“Pancho Pillado abandona a dirección da editorial Laiovento. Fixo oficial a súa renuncia ante notario, acompañado de Suso Couceiro e Pepe Carreiro, dúas das persoas que máis o teñen acompañado nos últimos anos no traballo da editorial e que, en principio, continuarán dirixindo o proxecto, que botou a andar en 1991. Pillado asegura estar “desmotivado e demoralizado”, “canso” dun labor editorial “á contra”, nun escenario difícil, no que denuncia a falta de apoio da Xunta e a “invisibilización” da cultura galega nos medios de comunicación. “Durante todos estes anos fun feliz co traballo, pero agora non desfruto. Traballei sempre sen remuneración ningunha, e agora xa non me compensa”, asegura.
Pillado, presidente de honra da Fundación Praza Pública, fala da crise económica, que en máis dunha ocasión denominou como “espolio”, como fixo por exemplo no prólogo de Banqueiros: “dun tempo a esta parte, a palabra crise é, sen dúbida, o eufemismo utilizado con maior frecuencia para explicar unha realidade cada vez máis triste, ruín e inxusta”. E cita, por exemplo, o dato coñecido hai uns días, de que os galegos e galegas gastan 15,3 millóns de euros menos en libros. “Isto é unha barbaridade” -di Pillado- “e supón un desastre para as editoriais e tamén para librarías como Couceiro na Coruña, que vén de anunciar que pecha”.
Denuncia igualmente a “invisibilidade” da cultura galega, os libros en galego e as editoriais do país nos medios de comunicación: “Estanse publicando libros interesantes, o problema non está aí. Mediaticamente non existimos. Non quero caer no mecanismo fácil de botarlles as culpas aos demais, pero se un lector non sabe da existencia dun libro, se non sae nos medios, se é relegado nas librarías a un lugar secundario, non o vai mercar”.
Fala tamén do Goberno galego, “inimigos da cultura galega”, e en xeral do “nulo” apoio das administracións. Pon o exemplo dun libro colectivo sobre o decreto de plurilingüísmo que hai uns anos lle pediu que coordinase ao maxistrado Luís Villares: “A obra, coa participación de xuristas e profesores, demostraba que o decreto era anticonstitucional. Sabes cantos libros mercou a Xunta? Mercou oito libros, supoño que para darllos aos altos cargos da consellaría”. (…)”