Francisco Pillado: “Vivimos tempos nos que a presentación dun libro é case que un acto clandestino”

Entrevista a Francisco Pillado en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Logo de 22 anos á fronte de Edicións Laiovento opta por da un paso atrás e abandonar a dirección. Por que agora?
– Francisco Pillado (FP): Francamente, sentíame un pouco superado polo traballo e desmotivado para continuar na dirección. O contexto adverso no que vivimos tampouco axuda. Como consecuencia disto que chaman crise, a xente merca moitos menos libros. A iso, súmaselle unha Xunta que reduciu moitísimo a compra de libros para a rede de bibliotecas públicas de Galicia e a invisibilización da cultura nos medios. As presentacións de libros xa non teñen repercusión, convertíronse case que en actos clandestinos que nunca se anuncian. (…)
– LO: Agora, desde fóra, como ve o futuro da editorial?
– FP: Eu vexo xente moi capaz para seguir co proxecto. Poderíamos dicir que son optimista respecto do pesimismo. Pero eu teño que deixalo porque xa estou canso. Fan falla moitas forzas para sacar adiante unha editorial coma a nosa que quere desmostrar que o que estamos a vivir en Galiza e en Europa é un espolio e non unha crise. Porque cando un fala de crise asume que existe unha responsabilidade compartida por todos na situación actual. Eu creo que o que vivimos é algo programado e planificado para acabar cos dereitos da clase traballadora e para enriquecer todavía máis a unha minoría de elites privilexiadas. (…)
– LO: Botando a mirada atrás, que achegou Laiovento ao panorama literario galego?
– FP: Os nosos sinais de identidade sempre foron a promoción do teatro e do ensaio. Queremos denunciar o que está pasando pero non con argumentos burdos, senón con xente preparada. Asimesmo, tamén dimos espazo a autores que escriben en reintegrado, que teñen cousas moi interesantes que dicir, e que no momento da fundación de Laiovento, non tiñan moitos espazos onde expoñer as súas ideas con liberdade lingüística. Temos, en definitiva, unha independencia da que outros non gozan porque non vivimos disto. Se o fixésemos teríamonos que controlar moito. Malia todo, para isto fai falla un ánimo que eu xa non teño. Tócalle a outros.”