Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xoán Ignacio Taibo:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A inconstancia. Tamén a incapacidade máis absoluta para facer cartos, para o comercio e os negocios.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade impregnada de tolerancia verdadeira.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que saiban escoitar. E que xamais falen de fútbol na miña presenza.
4.– A súa principal eiva?
– Verme ancorado no presente, sempre a agardar que o presente acabe.
5.– A súa ocupación predilecta?
– Viaxar no tempo. Escribir. Escribir mentres viaxo no tempo. Tamén adoitaban ser as linguas; talvez retorne a elas…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Escribir e ler de mañanciña ao aire fresco e libre no meu recuncho.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non quero nin pensalo: son incapaz de facer esas previsións.
8.– Que lle gustaría ser?
– Viaxeiro no tempo. Sempre que conservase o dereito ao retorno.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza moito máis culta e, xa que logo, libre.
10.– A súa cor preferida?
– Azul celeste.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A comestíbel. A flor do grelo…
12.– O paxaro que prefire?
– O pato lacado á moda de Beijing.
13.– A súa devoción na prosa?
– O social-realismo máxico. O Borges menos étnico, Cunqueiro como tendencia, Cortázar, Ferrín…
14.– E na poesía?
– A cantiga de amigo pura, Curros, os futuristas, Celso Emilio…
15.– Un libro?
– A Odisea.
16.– Un heroe de ficción?
– O Rei Artur, se resulta non ser monárquico. O doutor Watson, que a envexa do insoportábel Holmes teima sistematicamente en poñer en ridículo.
17.– Unha heroína?
– A madrasta da Brancaneve: o que tivo e aínda ten que aguantar esa muller, inxusta e falazmente deostada pola difamación ruín.
18.– A súa música predilecta?
– Bossa Nova.
19.– Na pintura?
– Su(pe)rrealistas e impresionistas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Àngelo Colocci.
21.– O seu nome preferido?
– Iria, Iago.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O falar sen escoitar ao outro.
23.– O que máis odia?
– Que o fútbol o impregne todo, que se poña como exemplo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco, cos seus sucesores.
25.– Un feito militar que admire?
– Fóra da Guerra de Troia, detesto a épica. Xa que logo, como feito militar aínda só parcialmente realizado, o desarme: mágoa que os tratados para a redución de armas nunca sexan de supresión. A disolución das Forzas Armadas na Costa Rica.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don das linguas, con todas as mortas e mais as vivas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– A durmir.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A busca do riso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O riso, agás se rin de min.
30.– Un lema na súa vida?
– Non te precipites, analísao antes. Outro: a democracia non é ningunha situación permanente, nunca está acabada nin completa: cómpre construíla día a día con ben de esforzo.”