Entrevista de Montse Dopico a Eli Ríos en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Maria fálanos de Maria Soliño, personaxe ben coñecido pola música (Luar na Lubre), polo poema de Celso Emilio… A biografía de Encarna Otero, e se cadra tamén Tres mulleres galegas de armas tomar foron mudando o xeito de contar a súa historia. De que maneira quixeches achegarte ti á vida de Maria Soliño?
– Eli Ríos (ER): Desde a reapropiación. Retomar a historia individual nos seus trazos máis colectivos para resaltar que aínda nos queda moito por andar e por mellorar na interacción entre os humanos. Traela ao futuro, de hoxe e de mañá, coa posibilidade de que, desta vez, “os duplos seis”(páxina 70) dos dados sexan para Maria Soliño. Non me interesa o discurso de continuo lamento sobre as mulleres, esa imaxe de estar sempre queixándonos de que mal está a vida. Se non che gusta algo, cámbiao! Cal é o problema? Que esixe un esforzo pola túa parte? Pois si! A outra opción é deixarse ir no proceso de anestesia colectiva tan de moda ultimamente… (…)
– MD: Aínda que son poemarios distintos, hai algunha conexión entre Anamnese e nós escoitando o badalo de marienplatz, como a importancia do cotián. Cal pode ser ese nexo?
Os nexos entre poemarios é algo do que se preocuparán outras persoas e non eu. Estou demasiado próxima aos textos como facer esta reflexión. En todo caso, non o vexo. Creo que buscar relacións entre os dous poemarios é reducionista, vontade de etiquetar e meter todo nun mesmo caixón para que non nos molestemos en pensar. A etiquetaxe xeralizadora non é un lugar onde me sinta cómoda.
nós escoitando o badalo de marienplatz é un poemario iniciático no que unha voz feminina conta o que sente ante unha ruptura sentimental. Anamnese ten múltiples voces poéticas nas que se reflexiona sobre a definición do tempo. O nexo? Non o vexo pero se alguén mo demostra empiricamente estou disposta a valorar esta opción. Na actualidade estamos moi acostumados a que unha autora, ou un autor, encontre a “fórmula” que funcione no mercado e que o estilo sexa recoñecíbel e, inclusive, que o esteamos esperando. No meu caso, como non vivo da literatura e tampouco teño compromiso de publicar quince libros por ano podo permitirme desfrutar co que escribo e cambiar de voz poética ou arriscar o que me apeteza e non pasa nadiña de nada. (…)”