Elena Gallego no Rio de Janeiro. Entrevista

Entrevista a Elena Gallego en Quilombo Noroeste:
“(…) – Quilombo Noroeste (QN): – Antes de nada, que tal a túa estadía polo Brasil e no Río de Janeiro?
– Elena Gallego (EG): Foi unha grande experiencia, curta pero moi intensa, cunha axenda ateigada de compromisos. Na miña visita ao Río tiven oportunidade de entrevistarme con editores cariocas cos que xa contactara dende Galicia, e que están interesados na miña obra literaria. Pero o principal obxectivo da viaxe era participar coa miña saga Dragal no XI EIDE, Encontro Internacional de Escritoras promovido pola Academia de Letras e Música do Brasil. Celebrouse do 13 ao 17 de marzo na capital federal, Brasília, reunindo a escritoras, xornalistas, editores e formadores de opinión de varios países. Este foi un fantástico foro para facer novas amizades e contactos aos que dar a coñecer os meus libros. Agora, coa semente botada, agardo que a maxia do dragón galego non tarde en prender nesa outra beira do Atlántico.
– QN: Comezamos con Dragal. Sétima edición en catro anos de A herdanza do dragón; traducións asinadas en catalán, castelán e inglés; videoxogo e serie de televisión de camiño… Sentes vertixe?
– EG: Se me deteño a reflexionar, si, e coido que non é para menos. Ademais das traducións xa comprometidas e das que poidan xurdir trala miña visita ao Brasil, Dragal tamén está en mans dunha importante editora francesa, conta con aliados en Italia e Portugal, o proxecto audiovisual será presentado na próxima MICSUR que se celebra na Arxentina… Por sorte, dende os últimos meses estou tan ocupada en acompañar os meus libros polo mundo adiante que non teño tempo de pensar no alcance que pode acadar a saga se continuamos con esta progresión. Ás veces teño a sensación de formar parte dun soño, porque estas cousas non acontecen na “vida real”. Cando escribín a primeira novela, para o meu fillo, nin sequera podía imaxinala publicada. E xa ves… (…)
– QN: – Necesitaba a mocidade un Dragal na literatura galega para se prender dela?
– EG: Os libros que lemos de cativos e durante a mocidade son os que marcan a nosa vida, os que nos enganchan á lectura ou nos frustran para sempre. Nesa opinión coincido con grandes autores galegos como Fina Casalderrey ou Agustín Fernández Paz. Nese senso, a combinación que Dragal fai de fantasía, historia e realidade conseguiu engaiolar milleiros de rapaces que devecían por unha historia así. Salvando as distancias, un fenómeno semellante ao que xerou J. K. Rowling co seu Harry Potter. Cando xurdiu Dragal, esta obra foi pioneira en Galicia (trátase da primeira triloxía fantástica creada en lingua galega, non o esquezamos). Hoxe xa hai novos escritores e editoras traballando nesta liña de ficción fantástica, con grande acollida por parte da mocidade. Isto é unha boa noticia para a literatura galega, que vive un momento creativo excepcional. E tamén para os novos lectores. (…)”