Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antón Cortizas:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Pregunteille ao espello: E ti de quen vés sendo? E non mo soubo dicir.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Só amizade.
4.– A súa principal eiva?
– Ser eu mesmo, talvez?
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir o meu mundo e argallar trebelladas no obradoiro.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ter e dar o agarimo necesario cando o necesitas e cando o necesitan.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que lle pasase algún mal á miña muller e fillas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Bon.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, pero habitado por galegos con dignidade, amantes do propio e que non estivesen dia tras día tirando pedras contra o propio tellado, como acontece.
10.– A súa cor favorita?
– A verde, será por algo que descoñezo.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Calquera que florece libre.
12.– O paxaro que prefire?
– A merla e mais o merlo, e logo todo o resto.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son devoto de ninguén.
14.– E na poesía?
– Tampouco son devoto, mais podo citar a Miguel Hernández, Lorca, Celso Emilio, Benedetti, Neruda, Rosalía…
15.– Un libro?
– Talvez o que aínda non lin.
16.– Un heroe de ficción?
– Robin Hood… Era un que facía xustiza porque a xustiza non a facía?
17.– Unha heroína?
– A vendedora de mistos, do conto de Andersen, que foi quen de vencer coa fantasía e a esperanza, aínda que apenas durante o tempo de calor dunha caixa de mistos, a miseria dos miserábeis que viven a consta da miseria dos demais.
18.– A súa música favorita?
– A que consegue emocionarme, que é moita. A de Zeca Afonso, e a de tantos galegos que están facendo coa súa música que o noso país sexa un chisquiño máis fermoso.
19.– Na pintura?
– Favoritos non teño, porque non son moi experimentado neste terreo, mais podería citar a Brueghel, Van Gogh, e tantos máis; e acó, a carón, o Leandro…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Toda a xente do común que sobrevive acotío os asaltos e roubos do Capital e os seus secuaces, e que sabe onde é que está o mal que nos afoga.
21.– O seu nome favorito?
– Son tres: Catarina, Rosalía e Antía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Tres: que a xente falemos a berros esteamos onde esteamos, o incivismo de tirar papeis ou lixo ao chan e a tala indiscriminada de árbores.
23.– O que máis odia?
– A soberbia e a cobiza e, madia leva, o odio.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores todos e os que usan a democracia, mellor dito, o sufraxio universal -que a democracia aínda non chegou-, para armárense en ditadores, e a xente que lles fai a reverencia. Non habería ningún ditador, se non houbese xentiña, armada ou desarmada, que os defende.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A bondade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De morte morrida de vez, e a ser posíbel que a morte me pille xa morto.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Talvez a saudade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os ocasionados pola ignorancia, mais non os causados pola estupidez.
30.– Un lema na súa vida?
– Outro mundo é posíbel, mais está neste.”