Berta Dávila: “Escribir descóbrenos que cousas son realmente importantes para nós”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Berta Dávila en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): O derradeiro libro de Emma Olsen e Raíz de fenda comparten esa visión das feridas interiores. Como imos pasando o tempo lambendo cicatrices. Pensa que é falso o tópico ese de que esquecemos mellor as desgrazas que nos pasan?
– Berta Dávila (BD): O tema da ferida forma parte dos dous libros de maneira diferente. No caso de Raíz da fenda hai unha procura de afondar na fisura que abre en nós a experiencia da perda. A intención é trasladar ao poema esa experiencia da ferida que nos cambia, coa perspectiva de quen foi atravesado por ela e agora é quen de observala desde a distancia. No caso d’O derradeiro libro de Emma Olsen a ferida é o motor dunha engrenaxe de culpas e remorsos que a protagonista da novela, unha escritora chamada Emma, arrastra durante anos. Esta obra é a confrontación da protagonista con esa ferida. (…)
– B: A súa é unha traxectoria curta, loxicamente para unha autora de 27 anos, pero chea de premios. É esta a vía case única para novos creadores, cada vez máis pola diminución de obras publicadas en galego?
– BD: Os premios literarios son unha opción, pero non a única opción. Hai proxectos ben interesantes que nacen doutras fórmulas de edición. Eu tiven sorte con algúns premios que me permitiron achar de xeito anónimo e pouco comprometido un fogar editorial para un proxecto. Tamén tiven a confianza dun editor como punto de partida para varios dos meus libros. Considérome afortunada en ambas opcións.
– B: Que frase se acomoda máis ao seu xeito de enfocar a literatura tendo en conta o ben que se manexa nos xéneros: prosa poética ou poesía narrativa?
– BD: Son procesos diferentes a poesía e a narrativa. Supoñen loitas distintas e tamén formas de satisfacción distintas. É normal para min simultanear a poesía, que implica sempre un tempo máis dilatado no meu caso, cos proxectos de narrativa. As dúas cousas fanme moi feliz e non adoito prescindir do que me fai feliz. (…)”