Entrevista de César Lorenzo Gil a Carlos Callón en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Tras máis dunha década, pasa vostede á “vida civil”. Seguro que arestora é o momento de avanzar naqueles proxectos que tiña aparcados por falta de tempo.
– Carlos Callón (CC): Teño varias “carpetiñas” con proxectos futuros que en efecto agora ocuparán máis do meu tempo. Estou a preparar a tese doutoral, que aprofunda no estudo da homosexualidade na Idade Media, na liña do libro Amigos e sodomitas (premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011, editado por Sotelo Blanco), con máis documentación e novos enfoques. Xa no mes de xuño publico o meu primeiro poemario, da man de Xerais, aínda que xa adianto que seguramente non haxa máis traballos literarios meus no futuro. Si que me apetece continuar coa liña de ensaios, xa non só sobre lingua, que tamén, senón ao redor doutros temas que me interesan. Agora quero centrarme naquelas cousas que me satisfán, que me apetecen. (…)
– B: Vostede é un dos maiores divulgadores editoriais da lingua, con títulos como En castellano no hay problema, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos ou Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, todos eles publicados por Xerais. Non é común que os lingüistas aposten por estes formatos populares. Lévase máis o ensaio académico. A escolla deste formato ten a ver co seu papel na Mesa?
– CC: Non. De feito, algúns deses volumes estaban máis ou menos redactados antes de que eu chegase á presidencia da Mesa. Esa maneira de comunicarme forma parte do meu concepto de relación cos demais. Prefiro esa linguaxe que estoutra na que estou agora mergullado por causa da tese, con tanto apoio documental. Eses formatos permitíronme unha relación cos lectores directa e moi enriquecedora. É moi importante para min que haxa lectores que me digan que grazas a eses títulos decidiron converterse en galegofalantes habituais ou outros que utilizan os meus textos para reivindicarlle á súa compañía que lle redacte o contrato do seguro da moto en galego. (…)”