A literatura homenaxea o teatro na entrega dos premios da AELG

Desde Sermos Galiza:
“Antes do comezo da cerimonia de entrega de premios anuais da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no Teatro Principal de Pontevedra, coñecíanse xa os nomes gañadores, os resultantes por elección da asemblea de socios e socias. Dos outros, foron sorpresa até que a escritora Antía Otero foi abrindo cada un dos sobres. O teatro, en todas as súas facetas, ía ser o grande protagonista do máis solemne acto anual da asociación da literatura, na vontade de recoñecer o esforzo de profesionais, entidades e institucións que pulan por unhas artes escénicas ás que a crise está batendo con forza.
A intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, no inicio do acto, argumentou as razóns de que autores e autoras quixeran dedicarlle o seu ano a quen fai posíbel que o pano continúe a subir cando o peso é aínda máis forte. “Os escritores e escritoras galegos cremos na nosa cultura” comezou o presidente da AELG nun discurso no que incorporou os duros datos do mundo editorial como son o peche de 45 bibliotecas e a perda do 38% de traballadores e traballadoras desde 2008. Aproveitou tamén para reclamar, máis unha vez, un Panteón de Galegos Ilustres “laico e que máis cedo que tarde sexa de propiedade pública” e definiu, mentres comentaba a viveza da conmemoración do día de Rosalía en centros escolares e concellos, como “unha ofensa a nosa dignidade como pobo”, que continúe pechado o seu acceso ao público. (…)”