Teresa González Costa: “Sempre hai alguén que precisa dunha vítima para reafirmarse no poder económico ou social”

Entrevista de Montse Dopico a Teresa González Costa en Magazine Cultural Galego:
“(…) Os santos nunca dormen é unha novela sobre a importancia da memoria para saber quen somos. Sobre o mal que poden facer “os secretos” que “espreitan nas fendas de cada individuo e aniñan nas covas do colectivo”, tal como explica a autora. Unha obra que, como as súas creacións anteriores, reivindica a sensibilidade como “algo básico” que se “está perdendo nun mundo que prescinde, cada vez máis, do físico, do orgánico”.
– Montse Dopico: Nada máis comezar, un médico preséntase como mediador entre o protagonista, Jeremías, e o lector. Por que esa figura intermedia?
– Teresa González Costa: O psiquiatra que introduce o diario persoal do protagonista é un home especial, porque lle dá importancia a aspectos que a maior parte do tempo obviamos, pensando que a realidade é unicamente o que temos diante. É un home que ve alén das aparencias e que sabe ler os símbolos. Por outra banda, é un adulto razoable e reflexivo que ten que tratar con temas difíciles e duros, aínda que estes aparezan tratados con humor, lixeireza e mesmo comicidade. A narración de Jeremías, o protagonista, precisaba de alguén así, con autoridade pero con moita sensibilidade, para que a súa historia saíse á luz. Como di o psiquiatra, Jeremías nunca publicaría o seu libro. Vaino facer el, o doutor Laconte, un home que vive entre dous mundos necesarios. Dous mundos que Jeremías, como un cronista, foi vivindo e ao mesmo tempo anotando. (…)”